A Xunta pon en valor o labor altruísta das agrupacións de voluntarios de Protección Civil e o seu importante papel como reforzo na atención ás emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu ao acto de recoñecemento a institucións e persoas que colaboran coa Protección Civil no marco das actividades organizadas pola agrupación de voluntarios de Cangas con motivo do patrón
 

O Goberno galego leva investidos 18M€ en apoio a este colectivo e máis de 23M€ só en equipamento nos servizos de emerxencias dos concellos
 

Cangas (Pontevedra), 18 de setembro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no acto de recoñecemento de persoas que colaboran coa Protección Civil organizado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cangas. Celebrouse na segunda xornada das actividades levadas a cabo pola entidade no marco da festividade do seu patrón, o Cristo da Pila.

 

A Xunta, consciente do imprescindible labor dos servizos de emerxencias dos concellos, mantén un importante apoio con axudas ao seu funcionamento e en equipamento. Só na dotación de material, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos 23 millóns de euros para que os efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) poidan realizar o seu traballo con todas as garantías.

 

A maior parte -máis de 14 millóns de euros- corresponde a equipamento cedido aos voluntarios de Protección Civil, aos que a Xunta tamén apoia nos seus gastos de funcionamento con outros 4 millóns de euros. Deste xeito, a Administración autonómica corresponde con máis de 18 millóns de euros á dedicación altruísta deste colectivo para velar pola seguridade da cidadanía constituíndo un piar fundamental no mapa de emerxencias da comunidade. De feito, en moitas ocasións as agrupacións son as primeiras en chegar ao lugar das incidencias ademais de realizar actividades de prevención.

 

Canto á contía investida na AVPC de Cangas acada os 136.000 euros nos últimos anos tanto en custos de mantemento como en material cedido. Ademais, este ano a Xunta colaborou co concello no cofinanciamento dun vehículo contra incendios e salvamento co fin de afrontar as primeiras actuacións en incendios.

 

No que se refire aos GES, a Xunta asume máis da metade do seu custo de funcionamento con máis de 42 millóns de euros desde a súa posta en marcha desde 2013 e outros 9 millóns destináronse en reforzo do seu equipamento.

 

Por tanto, o investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), ademais de contribuír ao seu funcionamento supón máis de 68 millóns de euros.