Medio milleiro de persoas visitaron o 112 Galicia o curso pasado malia as limitacións pola Covid

En total, 557 persoas coñeceron as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia na Estrada, das que 338 foron escolares


Hoxe vólvense activar as visitas ao centro, polo que os colectivos que o desexen poden solicitar a súa quenda mediante este formulario dispoñible na web
 

A Estrada (Pontevedra), 17 de setembro de 2022

As precisas limitacións pola situación derivada da crise sanitaria da covid-19 non impediron que medio milleiro de persoas pasasen, no curso 2021-2022, polas instalacións da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), onde hoxe se retoman as visitas guiadas.

 

En concreto, recibíronse a 557 persoas, das cales 338 foron escolares. Uns datos moi positivos se temos en conta as limitacións que foron relaxándose co paso do tempo, e que permitiron, no último tramo, recuperar a normalidade.

 

Cómpre indicar que as visitas ao 112 Galicia teñen como obxectivo mostrar as instalacións e a súa finalidade a grupos de idades e ámbitos profesionais ou formativos moi diversos.
A petición para realizar as visitas, que teñen lugar cada xoves, debe facerse a través da páxina web da Axencia Galega de Emerxencias con 30 días de antelación, mentres que o número de persoas deberá estar entre os 5 e os 15 compoñentes. Para grupos máis numerosos, poden organizarse subgrupos e quendas.

A visita, que dura aproximadamente 45 minutos, consta dun percorrido polas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e pola Base do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), ambos localizados dentro do recinto da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Partindo desta premisa, o persoal encargado de guiala personaliza os contidos ao máximo para cada grupo participante.
 

Así, dende os profesionais que buscan ampliar os seus coñecementos sobre a xestión das emerxencias ata os grupos escolares que establecen o seu primeiro contacto co centro atopan nas visitas un valioso recurso adaptado ás súas necesidades.