O conselleiro do Medio Rural acudiu hoxe á 40ª Festa da Pataca desta localidade coruñesa e visitou unha ferraxería e tenda agraria financiada no marco do programa Leader

A Xunta pon en valor o Museo da Pataca de Coristanco á hora de destacar o potencial dunha das principais zonas produtoras do tubérculo na comunidade

Este museo temático busca enxalzar a pataca de Coristanco, considerando a importancia desta produción na comarca de Bergantiños desde o punto de vista etnográfico, agrario e social e de identificación territorial

Cómpre resaltar que a produción de pataca certificada da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia neste concello representa o 10% da superficie do indicativo de calidade

Canto á ferretería e tenda agraria, recibiu unha axuda xestionada polo Goberno galego de máis de 55.000 euros para ampliar un comercio de maquinaria con nova actividade que contribuirá a dinamizar a economía da zona

Coristanco (A Coruña), 17 de setembro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe á inauguración do Museo da Pataca de Coristanco, no marco da 40ª edición da festa que destaca a relevancia da produción deste tubérculo na comarca de Bergantiños desde o punto de vista etnográfico, agrario e social e de identificación territorial.

Nesa liña, cómpre sinalar que a produción de pataca certificada da indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia no concello coruñés de Coristanco representa o 10% da superficie do indicativo de calidade, cunhas 61 hectáreas en 86 parcelas, así como con 13 produtores e dous envasadores. No conxunto da IXP, 2021 pechou cun total de 99 produtores e 12 almacenistas, cunha superficie de cultivo de 661 hectáreas e unha produción superior ás 6.000 toneladas cun valor económico estimado de máis de 3 millóns de euros.

Precisamente no marco da Festa da Pataca de Coristanco, que se prolongará deica mañá, a IXP Pataca de Galicia ocupa un posto destacado no recinto feiral para dar a coñecer o produto certificado. O programa tamén inclúe actividades como o desfile de tractores adornados con patacas e diversas catas e degustacións de produto local.

Programa Leader

O conselleiro do Medio Rural aproveitou a súa visita a Coristanco para desprazarse a unha ferretería e tenda agraria que sirve de exemplo de como se pode diversificar a actividade económica no rural. Así, grazas a unha axuda de máis de 55.000 euros xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do programa Leader, ampliouse un comercio de maquinaria para ampliar o negocio poñendo á venda tamén produtos de ferraxería.

En concreto, a parcela contaba cunha superficie de 464 metros cadrados e apostouse por unha nova construción de preto de 310 m², así como pola compra de equipamento como mobiliario, expositores e estantes para expoñer os novos produtos. A nova actividade permitiu crear novos postos de traballo, ademais de consolidar os actuais.

Imaxes relacionadas