Os produtos do agro e do mar de Galicia terán unha presenza destacada no Fórum Gastronómico da Coruña da man da Xunta

Preto de 40 empresas do sector participarán no evento baixo o paraugas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, e da Consellería do Mar
 

Medio Rural contará cunha área específica para actividades gastronómicas e cun túnel do viño con máis de 70 referencias
 

A Consellería do Mar estará presente cun expositor de 160 metros cadrados e organizará actividades de degustación

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022

Os produtos do agro e do mar de Galicia terán unha presenza destacada no Galicia Fórum Gastronómico que se celebrará en Expocoruña entre os próximos días 25 e o 27 de setembro. A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, e a través da Consellería do Mar participará neste evento con preto de 40 empresas coexpositoras do sector agroalimentario.

 

As arredor de 30 empresas que acoden ao Fórum baixo o paraugas de Medio Rural ofrecerán unha completa representación de produtores variados, adegas, queixerías, xeados, galletas ou mel, entre outras referencias de calidade. Cada unha destas empresas disporá dun espazo personalizado de seis m² repartidos en cinco illas de 36 m² (postos do 110 ao 139). Ademais, este espazo institucional contará cunha área específica para actividades gastronómicas, a Aula de Experiencias, así como cun túnel do viño onde estarán representadas máis de 70 referencias de viños, augardentes e licores da nosa comunidade.

 

Nesta aula están programadas para os tres días do evento unha serie de actividades dirixidas por persoal dos consellos reguladores dos produtos con indicativos de calidade diferenciada e da propia Axencia. Así, haberá catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e celebraranse varias exhibicións (showcookings) con preparacións culinarias a base destes produtos, dirixidas por especialistas do mundo da restauración. Por outro lado, a Xunta e os consellos reguladores participarán tamén no espazo Ágora do Fórum, cunhas presentacións e elaboracións dirixidas e comentadas por profesionais.

 

Pola súa banda, a Consellería do Mar estará presente neste evento cun expositor de 160 metros cadrados no que se difundirá a campaña GALICIA SABE AMAR e albergará a oito empresas coexpositoras. Durante os días que dura este encontro organizará distintas actividades de degustación, entre elas unha cos produtos certificados baixo o selo de calidade pescadeRías, que será no espazo obradoiro, e outra con conservas de produtos do mar, que se celebrará na aula Ágora.