A Xunta investirá máis de 4,8 M€ na urbanización da fase C do parque empresarial de Morás, en Arteixo

A obra, que se licitará en breve, incorporará 227.554 m2, 98.213 m2 reservados a parcelas

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia investirá máis de 4,8 millóns de euros nas obras de urbanización da fase C do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo, que serán licitadas en breve tras a autorización aprobada polo consello de administración da empresa pública Xestur. O prazo máximo para a execución da obra será de 14 meses.

 

A fase C do parque empresarial de Morás ocupa unha superficie total de 227.554 m2, dos que 98.213 m2 corresponden ás 69 parcelas en que se dividirá.

 

Actualmente xa están urbanizadas as fases A e B desta área industrial, cunha superficie total de máis de 1,15 millóns de metros cadrados, dos que máis de 815.000 m2 corresponden a parcelas —dos cales preto de 680.000 m2 xa están adxudicados— e o resto a zonas verdes, espazos libres, aparcamentos e viarios, entre outras dotacións.

 

Por outra parte, en Morás están en execución as obras de conexión exterior de saneamento, que se prevén rematar antes de que finalice este ano.

 

O investimento total realizado pola Xunta de Galicia ata o momento neste parque empresarial supera os 95 millóns de euros, aos que se sumará o custo estimado para as obras de urbanización da fase C.