A Xunta recibe 16 ofertas para as obras de urbanización do polígono 1 de San Paio de Navia, en Vigo

O Instituto Galego da Vivenda e Solo investirá máis de 14,3 M€ nos traballos para acondicionar esta fase, onde se prevé edificar un total de 733 vivendas protexidas
 

Deste total, 207 serán vivendas de promoción pública construídas directamente polo Goberno galego, que xa licitou a redacción dos proxectos das mesmas

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia recibiu un total de 16 ofertas para a execución das obras de urbanización do polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, en Vigo. A obra foi licitada o pasado 22 de xullo, por un importe de 14,3 millóns de euros e un prazo máximo de execución de 29 meses.

 

Esta obra permitirá urbanizar a primeira fase da ampliación de San Paio de Navia, que abrangue case 100.000 metros cadrados e representa máis dun terzo da superficie de todo o ámbito.

 

Realizaranse traballos de pavimentación, sinalización de vías e instalación de semáforos, accesibilidade, xardinería —con 9.600 m2 de zonas verdes e 222 árbores—, equipamento urbano —incluídas dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións.

 

Así mesmo, tamén se acometerá a construción de 1,18 quilómetros do carril bici proxectado en San Paio de Navia, o que supón máis da metade da lonxitude total prevista para esta infraestrutura —2,2 quilómetros—.

 

Nesta primeira fase están proxectadas un total de 733 vivendas protexidas, das 1.600 previstas en toda a ampliación, cuxas obras se poderán ir acompasando ás actuacións de urbanización. Non obstante, a urbanización e as obras de construción non se poderán adxudicar ata que o Concello de Vigo aprobe definitivamente o proxecto de urbanización do polígono 1.

 

Os tres polígonos que compoñen a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia abrangue unha superficie total de 265.000 metros cadrados no que se prevé realizar un investimento público-privado de 250 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexida, das cales 207 serán de promoción pública; 331 serán levantados por cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.

 

Vivendas de promoción pública

O polígono 1 de San Paio de Navia acollerá 733 vivendas protexidas, das que 207 serán vivendas de promoción pública construídas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

 

O IGVS xa licitou os contratos para a redacción dos proxectos de construción das 207 vivendas de promoción pública en 6 bloques de 40, 39, 42, 50, 18 e 18 vivendas, respectivamente.

 

Nos polígono 2 e 3 da ampliación tamén se construirán novas vivendas de promoción pública, cuxo número determinarase conforme avancen as obras de urbanización.