A Xunta dotará ao polígono residencial de Valdecorvos, en Pontevedra, dun novo centro de transformación eléctrico para reforzar o servizo

A empresa pública Xestur investirá preto de 124.000 euros na súa construción
 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo licitou en xullo a redacción do proxecto para a construción de 76 vivendas de promoción pública nunha parcela deste ámbito

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia investirá preto de 124.000 euros nun centro de transformación e rede de baixa tensión para o polígono residencial de Valdecorvos, en Pontevedra, que se licitará en breve.

 

Este investimento permitirá reforzar o servizo eléctrico deste ámbito unha vez que a meirande parte das parcelas están xa adxudicadas para a construción de vivendas de promoción pública (VPP).

 

Actualmente a Xunta conta con dúas parcelas dispoñibles, que serán incluídas no próximo concurso de adxudicación de solo residencial. Trátase das parcelas 14 e 17, que permitirán a construción de 56 e 48 vivendas protexidas, respectivamente.

 

Por outra parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licitou o pasado mes de xullo, cun orzamento base de 646.692,79 euros, a redacción do proxecto de construción e a dirección de obra de 76 VPP que construirá na parcela 16 de Valdecorvos.