Xunta e concello de Sarreaus mellorarán o illamento térmico do centro de saúde deste municipio

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Sarreaus veñen de asinar un convenio ao que destinarán mais de 30.000 euros

A Xunta destinou o ano pasado preto de 700.000 euros para cofinanciar 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este

Ourense, 16 de setembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas Alvar, acompañados polo Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o cofinanciamento para levar a cabo as obras de reforma que consistirán na substitución do material de cubrición da cuberta existente.

Procederase a substitución da capa de cubrición de cuberta de tella curva por un faldón de cobertura de tellas cerámicas fixadas sobre placa de microcemento e rastreles de madeira de pino que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Sarreaus contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 102 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra arte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Sarreaus recibe 9.070 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. 

Imaxes relacionadas