O presidente da Xunta visitou a Finca de Martín Códax, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas

Rueda subliña a capacidade do sector vitivinícola galego para xerar dinamismo e emprego no rural mentres se reforza o coidado do medio

Destaca o traballo conxunto entre o Goberno autonómico e os Consellos Reguladores, que recibiron 19 M€ en axudas entre o 2012 e o 2021, dos cales 8,2 M€ foron parar ás Rías Baixas

Meis (Pontevedra),  16 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou esta mañá a forte capacidade do sector vitivinícola galego para xerar dinamismo e emprego no eido rural mentres se reforza o coidado do medio.

 

O titular do Goberno autonómico visitou os viñedos das Adegas Martín Códax, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas. Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, destacou a importancia do traballo conxunto do Executivo e os Consellos Reguladores, que recibiron 19 millóns de euros en axudas entre o 2012 e o 2021, dos cales 8,2 millóns foron parar ás Rías Baixas.

 

Neste sentido, lembrou medidas que permitiron impulsar, protexer e divulgar o sector como os 3,4 millóns de euros destinados no 2021 para a elaboración e comercialización de produtos vinícolas, a Lei de Recuperación da Terra Agraria ou a futura Lei de Calidade Alimentaria. Rueda referiuse tamén á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, que permiten que os viñedos se den a coñecer, así como os concellos onde están ubicados a través dun “enoturismo que está collendo moitísima forza con bodegas que combinan a elaboración de magníficos viños coa posibilidade de que a xente veña a coñecer a zona”

 

Segundo explicou o presidente da Xunta, o viño e a súa infraestrutura é fundamental para Galicia tanto en emprego, xa que nel traballan 10.000 viticultores e case 500 adegas entre as catro Denominacións de Orixe, como en ingresos, pois xera máis de 230 millóns de euros en facturación anual, servindo, ademais “para fixar poboación no rural e ordenar a terra”.

 

Rueda agradeceu o esforzo de todos os profesionais asociados ao sector, especialmente  por saber “repoñerse a momentos de moita dificultade, momentos de crise económica, e por ver unha oportunidade e sempre seguir medrando” xa que son “Marca Galicia” e “serven para proxectarnos e vendernos turisticamente ao exterior” reforzando así a nosa marca de calidade internacional.

Imaxes relacionadas