A Xunta saca a exposición pública a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais

A revisión, a segunda que se acomete desde o ano 2014, permite modificar 9 polígonos, eliminar 7 ámbitos previstos e incorporar outros 12 non planeados inicialmente
 

A superficie das actuacións incluídas no plan increméntase en máis de 500.000 m2

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia avanza na tramitación da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación da áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) coa exposición pública do mesmo durante o prazo de dous meses, a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

A modificación do PSOAEG, aprobado no ano 2014, ten por obxecto mellorar a inserción territorial e a viabilidade técnica e económica dalgunhas actuacións previstas inicialmente neste plan e delimitar novas áreas empresariais atendendo á demanda prevista.

 

Nesa liña, búscase acadar unha maior aproximación á realidade física, ambiental e económica de cada enclave ou zona obxecto de modificación, de xeito que as diferentes propostas de parque empresarial se integren mellor nesa realidade, afondando nos criterios de sustentabilidade, viabilidade e racionalidade.

 

Os concellos afectados pola modificación son Cabana de Bergantiños–Zas, Cerceda-Carral–Ordes, A Laracha e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña; O Corgo, Palas de Rei e O Valadouro, na de Lugo; O Barco de Valdeorras, O Carballiño–Maside e O Pereiro de Aguiar, en Ourense; e A Estrada, Mondariz, Mos–Redondela, As Neves, Pontecesures, Valga e Vigo-Redondela–Gondomar, en Pontevedra.

 

Ademais, os cambios introducidos no plan sectorial permiten reaxustar o ámbito dalgunhas actuacións, eliminar outras e incorporar novos parques, que nalgún caso substitúen a outros eliminados nesta mesma modificación.

 

Desta maneira reorganízase o ámbito de 9 actuacións empresariais en Cabana de Bergantiños (ACITEC Costa da Morte), O Corgo (ampliación), Palas de Rei (Fase III), A Estrada (Cidade do Moble), Pontecesures, Valga e Vigo (PTL Valadares, Ameal e A Garrida).

 

A maiores, tamén se eliminan 7 áreas empresariais actualmente incluídas no plan sectorial: Cerceda (P.I. Lago de Meirama), O Valadouro, O Barco de Valdeorras (Fase IV e Fase V), Mondariz (Chan de Cairón) e Vigo (Matamá-Valladares e Chan de Labrador).

 

E finalmente incorpóranse 12 novas actuacións, das que 4 substitúen outras que se eliminan -Meirama, O Valadouro, O Barco de Valdeorras e Mondariz- e 6 máis son ampliacións de parques xa existentes -A Laracha, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, A Estrada-Toedo, a Plisan nas Neves e Balaídos en Vigo-.

 

As dúas actuacións restantes delimítanse ex novo: a Área Industrial e Loxística do Tesouro-Portorroibo, nas Pontes de García Rodríguez, e o parque de Louredo, en Mos-Redondela.

 

As superficies de solo empresarial alteradas dan como resultado un saldo positivo, xa que se incrementa en 504.219 m² a superficie empresarial delimitada no PSOAEG actualmente en vigor.