A Xunta inicia as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Ribeiro e de Celanova, que suporán un investimento de 1,2 M€
A intervención comezou na estrada OU-414, en Padrenda, e continuará nas vías OU-411 e OU-801, beneficiando aos municipios de Bande, Ribadavia, Verea, Cortegada, Pontedeva e Quintela de Leirado
Os traballos consistirán no estendido de mestura betuminosa en quente, na limpeza de gabias e no repintado da sinalización en todo o trazado
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de mellora de firme en 3 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ribeiro e de Celanova, que suporán un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.
A intervención deu comezo pola estrada OU-414, no concello de Padrenda, e nas vindeiras semanas continuará nas vías OU-411 e OU-801, no seu transcurso polos concellos de Bande, Ribadavia, Verea, Cortegada, Pontedeva, Padrenda e Quintela de Leirado.
De xeito máis detallado, na OU-414 estase a actuar desde o quilómetro 0, na intersección coa OU-411, ata a intersección coa OU-213, en San Roque, no concello de Padrenda.
Na OU-411, os traballos desenvolveranse no treito entre o punto quilométrico 0, en Bande, ata a intersección coa estrada OU-801, en Agra, en Padrenda.
Na estrada OU-801 a actuación divídese en tres treitos: o primeiro, entre a intersección coa OU-405 ata o punto quilométrico 1+250, en Ribadavia; o segundo, desde o punto 10+460 ata o 13+810, en Cortegada; e o terceiro, do 15+440 ata o PQ24+150, en Souto.
Os traballos consistirán no estendido de mestura betuminosa en quente e no selado de fisuras e fendas. Tamén se procederá á limpeza de gabias e nalgúns treitos executarase unha gabia de seguridade formigonada.
Ademais, realizarase o repintado da sinalización en todo o trazado das estradas e repoñeranse os captafaros nos treitos nos que se mellore o firme.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.