A Xunta inviste preto de 50.000 euros en axudas a seis clubs e federacións de Ferrolterra para a adqusición de equipamentos
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Club Cabanas KDM de piragüismo, un dos beneficiarios destas achegas
Mediante esta convocatoria a Xunta aporta a entidades deportivas material específicos para a participación en competicións oficiais e a realización de adestramentos
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á sede do Club Cabanas KDM de piragüismo, unhas das entidades deportivas da comarca beneficiaria das axudas para a adquisición de equipamento concedidas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.
Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal benefícianse desta convocatoria un total de seis entidades deportivas -KDM Cabanas, Club de Pádel Narón, Club Natación Cedeira, Agrupación Deportiva Naútico de Narón, Club Firrete de Pontedeume e o Club Hípico Equo Alalma, de Ferrol-. A achega económica conxunta ascende aos 47.400 euros.
No caso do Club Cabanas KDM, recibiu un apoio de 10.000 euros -a contía máxima por entidade- para a adquisición de novas embarcacións de competición.
Mediante esta orde de axudas o Goberno galego aporta aos clubs e federacións material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario.
A delegada territorial puxo en valor o gran traballo que se está a facer dende o KDM Cabanas ao que animou a seguir traballando para acadar novos éxitos deportivos. Tamén destacou a importancia destas axudas á hora de manter “o excelente nivel competitivo de moitos dos clubs da nosa comarca, apoiar o deporte base, incrementar as canteiras dos equipos e garantir a súa continuidade”, sinalou.
A Xunta de Galicia ten destinado a esta convocatoria 700.000 euros aos que se suman outros 2 millóns de euros da orde dirixida ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivo e de sociedades anónimas e seccións deportivas que se resolverán en breve. En total, o investimento do Goberno galego en apoio aos clubs da autonomía acada os 2,7 millóns de euros.
DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO DE DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES EN FERROL, EUME E ORTEGAL
ENTIDADE | AXUDA CONCEDIDA |
Club Pádel Narón | 1.568 |
Club Natación Cedeira | 7.200 |
Club Cabanas KDM | 10.000 |
Agrupación Deportiva Náutico de Narón | 10.000 |
Club Náutico Firrete de Pontedeume | 10.000 |
Club Hípico Equo Alalma | 8.638 |
TOTAL | 47.406 € |