A Xunta pon en valor a formación das forzas e corpos de seguridade en materia de violencia de xénero

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inauguraron o “I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade” que se celebra hoxe e mañá na AGASP e ao que asisten un total de 150 axentes

Máis de 4.000 axentes das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia recibiron nos últimos anos formación específica en primera intervención coas vítimas de violencia de xénero
 

A Estrada (Pontevedra), 15 de setembro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe na inauguración do I Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de seguridade que se celebra hoxe e mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) en colaboración coa Asociación Internacional de Policía (IPA) en Galicia.

 

Un total de 150 alumnos procedentes de toda España -a maioría do ámbito da seguridade xunto con traballadores sociais e persoal dos Centros de Información á Mullern (CIM)- participan neste congreso que conta cos profesionais máis destacados e coa perspectiva multidisciplinar das forzas e corpos de seguridade, isto é, Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local, Garda Civil, ademais de representantes da comisaría da Ertzaina de Bilbao e da Garda Urbana de Barcelona.

 

O director xeral de Emerxencias e Interior puxo en valor a aposta da Xunta pola formación integral das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia en violencia de xénero. Nesta liña, esta materia forma parte dos plans de formación da AGASP e tamén nos procesos de selección de Policía Local. Ademais, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, a Xunta impartiu desde 2019 formación específica en primeira intervención coas vítimas de violencia de xénero a máis de 4.000 axentes na comunidade. 

 

No marco deste compromiso do Goberno galego, mañá o Diario Oficial de Galicia publicará un curso superior de intervención policial en violencia de xénero organizado pola AGASP dirixido a membros da Policía Nacional, a Policía Autonómica e Garda Civil.

 

Ampliación do concepto de violencia de xénero

A secretaria xeral  da Igualdade aproveitou a súa palabra para incidir na necesidade de que a lexislación estatal amplíe o concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra a muller, non só a que se produce nos casos de relación afectiva presente ou pasada entre o agresor e a vítima.

 

“Galicia xa incorpora un elenco máis extenso de supostos, considera que casos como o último crime cometido en Galicia, onde unha muller foi presuntamente asasinada por un acosador, deben ser recoñecidos como violencia de xénero pola lexislación estatal, garantindo así unha atención integral a todas as vítimas da violencia contra as mulleres”, remarcou López Abella, quen tamén amosou a súa confianza en que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, referendado por todas as CC.AA. teña continuidade como “instrumento eficaz para loitar contra esta lacra” e para poder dar continuidade a actuacións como a formación de hoxe na Estrada.

 

No congreso que se celebra hoxe e mañá abordaranse todos os aspectos vinculados co trato coas vítimas a prol de mellorar os recursos destinados á atención inicial e á protección. O contido céntrase en políticas de igualdade e de seguridade, asistencia integral, protección e proceso xudicial para as vítimas, novidades xurídicas, labor de investigación e comunicación.

Imaxes relacionadas