Lorenzana pon en valor o Plan Emprega Muller ao que a Xunta destina 35 M€ para mellorar a formación e a inserción laboral de ata 16.500 traballadoras

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendou no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta pola igualdade laboral

O Emprega Muller inclúe programas de dixitalización e apoio prioritario para as residentes en contornas rurais e núcleos máis pequenos de poboación

Lorenzana trasladou unha mensaxe de tranquilidade para as persoas traballadoras do servizo que Teleperformance ofrece a Naturgy na Coruña, que comprometeu á Xunta manter o 100% dos empregos para o servizo en galego ou vía recolocación

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A Xunta ten en marcha o Plan Emprega Muller dotado con 35 millóns de euros para incentivar a formación e impulsar a contratación e inserción laboral das galegas. Na resposta a unha pregunta parlamentaria sobre actuacións concretas do plan, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou hoxe que co mesmo aspírase a chegar a 16.500 beneficiarias  co obxecto de favorecer a súa inclusión socio-laboral.

O Plan Emprega Muller, segundo relatou, integra liñas de axuda e créditos exclusivos para as traballadoras. No marco do mesmo inclúense programas de emprendemento, formación, práctica profesional e incentivos á contratación para as mulleres galegas.

Entre outras iniciativas, Lorenzana destacou, pola súa novidade, a actuación para a mellora das capacidades dixitais das residentes no medio rural, unha iniciativa en marcha na actualidade e dotada con 5,2 millóns de euros, coa que a Xunta pretende incrementar as oportunidades laborais de ata 10.000 mulleres, preferentemente en situación de desemprego e en núcleos con menos de 30.000 habitantes.

Fixo referencia tamén a conselleira aos programas integrados de emprego exclusivos para mulleres que, cunha dotación de 4,8 millóns de euros pretenden chegar a 1.900 beneficiarias con dúas vías de apoio: programas ordinarios para traballadoras en situación de desemprego e axudas para residentes nos ámbitos rural e urbano.

Outra das novas iniciativas que promove a Consellería de Promoción do Emprego baixo a denominación Muller 22,  conta con 6 millóns de euros en incentivos á contratación indefinida inicial de traballadoras desempregadas en situación de dificultade para acceder ou permanecer no mercado de traballo. A través desta actuación, indicou a conselleira, agárdase poder incorporar 1.000 galegas.

No Emprega Muller conviven tamén programas históricos con eficacia probada que ademais de manterse, indicou Lorenzana, dótanse de máis recursos económicos. É o caso do Galicia Emprega “para favorecer a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e especialmente daquelas que teñen maiores dificultades”. Tamén do programa EMEGA, referente no impulso do emprendemento feminino que acada unha dotación histórica de 4,4 millóns de euros para atender a preto de 440 mulleres.

O Goberno galego considera ás mulleres colectivo prioritario nas súas políticas de emprego, polo que se lle outorga acceso preferente e axudas maiores nos obradoiros duais en entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, en programas de promoción do emprego autónomo, ou para a contratación por parte de traballadores por conta propia, en programas de economía social entre outras accións.

Todos estes apoios, afirmou Lorenzana, evidencian que “a igualdade laboral é estratexia xeral dentro da Xunta de Galicia”. Unha folla de ruta que tal e como indicou, comezou xa coa elevación da área de Igualdade ao nivel de Consellería e continuou coa aprobación do Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2022-2027), con 935,5 millóns de euros.

Deslocalización

A conselleira, por outra banda, trasladou unha mensaxe de tranquilidade ante o anuncio de deslocalización do servizo de atención telefónica de Naturgy que presta Teleperformance desde A Coruña, no que traballan 100 persoas. Tal e como confirmou, a Xunta mantén comunicación constante con ambas as dúas firmas que trasladaron que parte da plantilla seguirá a prestar o servizo en galego -que quedará garantido- e o resto (unhas 80 persoas) se recolocarán noutros proxectos que a firma presta a Naturgy.

“O Goberno galego non ten coñecemento de que se teña tramitado ningún ERE nin ningún ERTE e a totalidade dos contratos están vixentes a día de hoxe”, aseverou a conselleira, quen se puxo a dispor do Comité de Empresa para o que poida demandar e ratificou o desexo da Xunta de manter o 100% dos empregos.

Imaxes relacionadas