Fernández-Tapias anuncia a adxudicación dos proxectos de reforma de dúas unidades do Hospital Público Álvaro Cunqueiro

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, informaron da creación dunha unidade de rehabilitación cardíaca anexa a cardioloxía e dun novo espazo para o servizo de Hospitalización a Domicilio
 

As actuacións enmárcase no investimento de 2,6 millóns en cinco obras para este hospital recollido nos Orzamentos da Xunta para este ano

Vigo, 14 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de adxudicar senllos contratos para a redacción dos proxectos arquitectónicos de dúas das cinco reformas comprometidas polo Goberno galego para este hospital a través dos Orzamentos autonómicos de 2021, que reservaron unha partida de 2,6 millóns para estas obras.

 

Segundo informaron a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, en particular adxudicáronse os servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da Área de Rehabilitación cardíaca ao arquitecto Javier Antonio Franco Rabuñal por 24.805 €; e da reforma para a nova ubicación de hospitalización a domicilio (HADO) á UTE Sabín Blanco Arquitectos xunto con Irisarri Piñera por 22.890 €.

 

Ambos adxudicatarios teñen un mes de prazo para elaborar o proxecto básico e outro mes desde a aprobación deste por parte do Sergas para elaborar o proxecto de execución. Estímase por tanto que se poderán licitar as obras no último trimestre do ano e que cada unha delas terá un orzamento de preto de 500.000 euros.

 

Rehabilitación cardíaca

Ante o volume de pacientes que sofren un ingreso ou unha cirurxía derivadas de cardiopatías, a xerencia da área sanitaria de Vigo propuxo un plan funcional para crear unha área que axude a mellorar a calidade de vida destes pacientes, controlando os seus factores de risco, reducindo os reingresos e facilitando a reincorporación laboral.

 

O plan funcional recolle a necesidade de creación dunha unidade de rehabilitación cardíaca na zona de consultas de cardioloxía da planta -1 do Hospital Álvaro Cunqueiro, dividíndose nas seguintes catro áreas: a de exercicio físico pacientes, a de vestiarios – duchas – aseos, a de consultas e a área administrativa e de reunións de equipo.

 

Hospitalización a Domicilio

A irrupción da pandemia desprazou ao equipo de Hospitalización a Domicilio da súa localización orixinal, anexa ás urxencias pediátricas, dada a necesidade de crear un dobre circuíto nas mesmas.

 

Desde entón, atópanse nunha localización provisional, polo que a xerencia da área sanitaria de Vigo propuxo un plan funcional que recolle a necesidade de creación nunha localización definitiva dunha nova unidade de HADO no Hospital Álvaro Cunqueiro, que deberá contar cunha área de traballo do persoal facultativo con sete postos, cunha área de traballo do persoal de enfermería con dez postos, cunha sala de preparación de medicación e de limpo de enfermería e con espazos para secretaría, consulta, aseos, almacéns e despachos para xefe e supervisora de servizo.

 

Reformas por 2,6 millóns de euros

Fernández-Tapias incidiu en que estas reformas forman parte do paquete de obras para o Hospital público Álvaro Cunqueiro por 2,6 millóns de euros comprometido nos Orzamentos da Xunta para 2022. Segundo recordou a delegada, a estas dúas reformas unirase a creación da nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil, cuxo proxecto de execución está en fase de supervisión e que permitirá licitar nas vindeiras semanas unha obra por importe de preto de 1 millón de euros; a creación da unidade de enfermidades raras cuxa obra foi xa licitada no mes de xuño por preto de 150.000 euros e a ampliación da unidade de necropsias que posibilitará ao persoal de anatomía patolóxica do Cunqueiro facer necropsias de nivel de protección 3, cuxo proxecto está xa rematado e pendente da licitación final da obra.

Imaxes relacionadas