A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da presentación do informe ‘Mulleres, traballos e coidados: propostas e perspectivas de futuro’

A Xunta aposta por seguir avanzando na igualdade entre mulleres e homes do mar para impulsar a remuda xeracional e a competitividade do sector

A titular de Mar apuntou ao labor esencial que desenvolven as traballadoras da cadea mar-industria no fortalecemento da economía galega e a xestión sustentable e responsable dos recursos
 

Destacou a importante presenza feminina no sector do mar e a industria da transformación dos produtos pesqueiros, como é o caso do marisqueo, onde tres cuartas partes dos profesionais son mulleres
 

Galicia aprobou este ano o VIII Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 para loitar contra as diferenzas entre xéneros e outorgar máis estabilidade ás políticas autonómicas de igualdade

Marín (Pontevedra), 14 de setembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o papel clave que xogan as traballadoras do mar á hora de garantir a competitividade do sector, a remuda xeracional, o fortalecemento da economía galega e a xestión sustentable e responsable dos recursos. Así o asegurou na clausura da xornada de presentación do informe Mulleres, traballos e coidados: propostas e perspectivas de futuro, elaborado polo Consello Económico e Social de España (CES), onde apostou por seguir traballando e avanzando no camiño da igualdade entre mulleres e homes nas estruturas económica e social do país.

 

Neste sentido, apuntou ao labor esencial que desempeña a muller no sector do mar e a industria de transformación dos produtos pesqueiros, especialmente en Galicia. Así, puxo de manifesto que as tres cuartas partes dos máis de 3.600 traballadores do marisqueo a pé que hai actualmente na comunidade son mulleres, así como que na área de industria e comercialización de produtos do mar a maioría dos postos están ocupados por mulleres, sendo a súa proporción maior que no conxunto do Estado.

 

Rosa Quintana quixo recoñecer unha vez máis os pasos dados por todas as pioneiras do mundo da pesca que loitaron por liderar un cambio socialmente responsable pensando nas xeracións futuras e que impulsaron a profesionalización do sector. Non obstante, apuntou, aínda quedan retos que superar e apostou polo emprendemento e a formación, a mellora das condicións laborais -de promoción e de salario-, e a participación efectiva nos órganos e procesos de toma de decisións como é o caso das confrarías de pescadores, que están a piques de celebrar eleccións.

 

A conselleira do Mar tamén fixo referencia a que o sector do mar se enfronta a importantes desafíos, como a proposta para vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias ou os ataques de organizacións ecoloxistas contra embarcacións que faenan en augas internacionais cumprindo todas as normas, polo que apelou á responsabilidade de todas as partes ante episodios deste tipo.

 

Neste sentido, a representante da Xunta incidiu en que, ao igual que debe buscarse a igualdade entre mulleres e homes no sector do mar, tamén debe seguirse buscando un equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais, pois en moitas ocasións prevalece o primeiro malia que a Política Pesqueira Común (PPC) establece a necesidade de que as tres cuestións teñan a mesma importancia.

 

En materia de igualdade, a Xunta de Galicia aprobou en maio o VIII Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, dotado con máis de 900 millóns de euros, para loitar contra as diferenzas de xénero e outorgar máis estabilidade e sustentabilidade ás políticas autonómicas de igualdade. Esta ferramenta pretende dar maior relevancia á igualdade no sector do mar e vai da man da futura Lei galega de igualdade de mulleres e homes, que se está a tramitar e que inclúe un estatuto propio para as traballadoras do mar.

Imaxes relacionadas