A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou hoxe o visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta

A Xunta identifica e cartografía 52 rutas en bicicleta con máis de 2.300 km desde as que desfrutar da paisaxe

Esta guía interactiva conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico
 

Este visor permite ver en detalle as rutas para realizar unha planificación e gardar o percorrido en diferentes dispositivos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou hoxe o visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, unha ferramenta que inclúe 52 rutas con alto valor paisaxístico con máis de 2.300 quilómetros que descorren polas catro provincias galegas. “Trátase de percorridos seguros e naturais que ofrecen alternativas para diferentes niveis de dificultade co obxectivo de que moitas rutas sexan aptas para as familias”, engadiu a conselleira.

 

A paisaxe de Galicia desde a bicicleta forma parte da Colección Paisaxe Galega, unha serie de guías monográficas que conta cun investimento de máis de 750.000 euros e que, coa presentada hoxe, inclúe xa 13 publicacións e 7 están en elaboración. O seu obxectivo é protexer as diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, impulsando a súa conservación e o seu mantemento e ofrecendo criterios para a planificación e deseño das futuras intervencións sobre o territorio.

 

Nesta ocasión, non obstante, déuselle formato de visor para, segundo explicou a conselleira, “facela interactiva e permitir a planificación de rutas a medida” . Deste xeito, cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico.

 

Ademais de facilitar ao máximo a navegación, este visor permite ver en detalle as rutas para realizar unha planificación e gardar o percorrido en diferentes dispositivos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles. A maiores, tamén ofrece a posibilidade de utilizar a plataforma Wikiloc, gratuíta e cun uso moi estendido ao contar con 10 millóns de usuarios.

 

Esta guía, elaborada polo Instituto de Estudos para o Territorio coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, ofrece unha “experiencia turística diferenciadora para descubrir as nosas paisaxes e uns percorridos cos que poder coñecer desde a bicicleta todo o que ofrece a nosa Comunidade”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas