Trenor informa a AFACO das dúas liñas de axudas abertas para entidades sociais por un importe de 32 M€

A Xunta conta cunha orde dotada con 13 millóns de euros para a rehabilitación ou construción de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade e outra orde de 19,1 millóns de euros cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para impulsar programas de carácter social

A Coruña, 14 de setembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse coa presidenta de AFACO, Carmen Martínez. No encontro informoulle das dúas liñas de axudas abertas dirixidas ás entidades sociais as que se pode acoller.

 

En primeiro lugar abriuse unha nova convocatoria para a construción ou rehabilitación de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade. Esta novidosa convocatoria estará dotada de 13 millóns de euros e permitirá renovar a carteira de servizos promovido por estas entidades.

 

O importe máximo destas axudas será de 2 millóns de euros por entidade e o período de realización das actuacións será do 1 de xaneiro do ano 2022 ao 30 de novembro do ano 2025. Entre as actuacións subvencionables está a adquisición de terreos para novas edificacións, o acondicionamento de inmobles ou a adquisición de novo equipamento.   

 

O Goberno galego aprobou este mesmo ano un plan de investimentos para axudar tamén aos Concellos a renovar e crear novos centros de atención de titularidade municipal. Este plan está dotado de 18,5 millóns de euros e permite fortalecer a rede de centros dedicados á rede de atención a maiores con novas residencias, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais. No caso desta nova orde, as axudas irán destinadas a centros de carácter social vencellados tamén a atención á discapacidade.

 

Axudas IRPF

Trenor explicou tamén que están abertas as axudas a entidades sociais con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IPF) destinada a impulsar programas de carácter social por un importe de 19,1 millóns de euros.

 

As axudas financiarán gastos correntes deste tipo de programas e tamén está previsto sufragar investimentos referidos a obras de equipamento, rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados.

 

Esta partida corresponde á parte dos fondos que xestiona a Consellería de Política Social e Xuventude e aos que se engadirán outros xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade e pola Consellería de Sanidade. Os programas que se poderán financiar serán polo tanto aqueles dirixidos a asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como iniciativas que favorezan o voluntariado e a inclusión social.

 

Para facilitar a tarefa destas entidades, anticiparáselles o 100% da axuda, que loxicamente terán que xustificar con posterioridade. As entidades contan co prazo dun mes, contado a partir de mañá para presentar a súa solicitude.

Imaxes relacionadas