Fernández-Tapias pide ao Concello a posta a disposición dos terreos da ETEA tras a aprobación definitiva do proxecto de urbanización cun investimento de 12,3 M€

A delegada territorial da Xunta avanzou a aprobación definitiva por parte da Consellería de Medio Ambiente do plan para acondicionar os vieiros e espazos libres
 

Explica que mediante un requirimento solicitouse hoxe ao Goberno local que poña a parcela PS1 a disposición da Administración autonómica para poder licitar a obra
 

O proxecto destaca pola recuperación da praza de Armas como novo espazo público para os vigueses, ademais de zonas verdes, carril bici, peirao e explanada con grada
 

“Trátase dun paso esencial para culminar a execución da residencia da Fundación Amancio Ortega”, sinalou

Vigo, 14 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este mércores a aprobación definitiva por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do proxecto construtivo correspondente á urbanización do PS-1 do ámbito da antiga ETEA. A representante autonómica lembrou que para proceder coa licitación é necesario que o Concello poña os terreos a disposición do Goberno galego, polo que con data deste 14 de setembro remitiuse un requirimento no que solicita que cumpra co seu compromiso.

 

Segundo explicou Fernández-Tapias en rolda de prensa, o desenvolvemento deste ámbito vai a supoñer un investimento por parte da Xunta de preto de 15 millóns de euros (12,3 millóns para a ETEA y outros 2,5 na humanización da Avenida de Galicia), de forma que se encargaría de desenvolver o sistema viario principal, desde a Avenida da Mariña ata a Praza de Armas, para gañar un novo espazo público para a cidadanía, e o peirao coa súa explanada. Ademais, a urbanización supoñerá a dotación de servizos básicos ás diferentes parcelas da ETEA, desde abastecemento de auga, gas e enerxía eléctrica, ata as telecomunicacións. Tamén o saneamento e a rede contraincendios.

 

A praza de Armas: novo espazo público

A área de actuación do denominado PS-1 abarca un total de 2 hectáreas (20.029 m²), desde o acceso na Avenida da Mariña ata o peirao, pasado pola avenida central, a praza de Armas e a explanada. O proxecto inclúe a urbanización dos vieiros, a construción da galería de servizos e a apertura dun carril bici e peonil. O proxecto contempla a recuperación da praza da Armas como un novo espazo público para a cidadanía, cunha grada e unha varanda sobre o mar.

 

Así, están previstos 6.150 m2 de adoquín, 5.260 m2 de formigón, 3.400 m2 de lousas de granito, 170 metros gradas de granito e 490 metros de varanda. Ademais, as zonas verdes e o carril bici terán 800 m2 de terrazo, 3.000 m2 de áreas verdes e 50 novas árbores, sen incluír as árbores xa existentes que se conservarán.

 

Cumprimento da sentencia

A delegada valorou que o Concello de Vigo executase a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 136/2020, do 24 de febreiro, que lle obrigaba a cumprir os seus compromisos derivados do convenio e reiterou que agora pide que poña xa os terreos a disposición da Xunta. “O que queremos é executar e desenvolver o ámbito en beneficio dos cidadáns de Vigo”, indicou.

 

A representante autonómica destacou a importancia de urbanizar o PS1, cos vieiros e conexións, para o que a Consellería de Medio Ambiente xa aprobou o proxecto de urbanización e agora a Consellería de Infraestruturas necesita a posta ao dispor dos terreos para licitar. “Trátase dun paso esencial para culminar a execución da residencia da Fundación Amancio Ortega”, engadiu tras explicar que sen o desenvolvemento PS1 é inviable a súa posta en funcionamento. Tamén apuntou que unha vez que a Xunta conte cos terreos poderán continuar as obras da residencia.

 

Solicitude en xullo de 2021

Por parte da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) xa se solicitou formalmente ao Concello de Vigo a posta a disposición dos terreos en xullo de 2021 e non houbo contestación algunha, polo que remítese de novo o requirimento. “O máis grave de todo é que non se pode avanzar en infraestruturas para Vigo e para o barrio de Teis como a residencia de maiores”, insistiu Fernández-Tapias.

Imaxes relacionadas