A Xunta celebrará unha Gran Gala Internacional de Maxia o 24 de setembro en Pontevedra ao abeiro do festival ‘Galicia Ilusiona’

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá en AFundación un espectáculo que xa ten as entradas á venda e que contará con magos como Dani Polo, Hyun Joom, Dania Díaz, Arno, Jimmy Delp, Sebastian Dethise e Huang Zeng
 

O festival Galicia Ilusiona, que se prolonga durante 75 días ata o 15 de outubro, ten unha parte vencellada ao Camiño que xa desenvolveu 21 actuacións na provincia e da que aínda restan en Bueu, A Estrada, Marín, Mos, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Soutomaior
 

Con Maxia Solidaria levarase un espectáculo de ilusionismo de pequeno formato á Unidade de Pediatría do Hospital Público de Montecelo nas vésperas da gran gala “para poder compartilo cos cativos ingresados e darlles un rato de ledicia”, segundo explicou Luis López
 

“Galicia Ilusiona é un evento pioneiro de repercusión mundial que contribuirá aínda máis a poñer á nosa comunidade como destino de referencia no lecer aproveitando o Xacobeo e, loxicamente, Pontevedra ten un importante protagonismo”, sinalou o representante autonómico

Pontevedra, 14 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai celebrar o vindeiro sábado 24 de setembro unha Gran Gala Internacional de Maxia no auditorio de AFundación-Abanca na cidade de Pontevedra ao abeiro do Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona, que se está a celebrar por toda a comunidade dende o pasado 1 de agosto e ata o 15 de outubro en máis dun cento de localidades con trinta artistas participantes.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá este espectáculo, que estará presentado pola xornalista Esther Estévez e contará coas actuacións do prestixioso e premiado galego Dani Polo e con outras figuras internacionais do ilusionismo, como Hyum Joom (Corea), Dania Díaz (Venezuela), Arno (Francia), Jimmy Delp (Estados Unidos), Sebastian Dethise (Bélxica) e Huang Zeng (China).

 

As persoas interesadas en asistir a esta gala xa poden adquirir as súas entradas, a un prezo de 12 euros, a través da páxina web www.galiciailusiona.es ata esgotar as 705 localidades do seu aforo.

 

Galicia Ilusiona é un evento pioneiro de repercusión mundial que contribuirá aínda máis a visibilizar e poner á nosa comunidade como destino de referencia no lecer aproveitando toda a forza e potencial que ten o Xacobeo e, loxicamente, Pontevedra ten un importante protagonismo”, sinalou o representante autonómico, que lembrou que a programación do Xacobeo para a cidade será especialmente forte este mes de setembro, xa que tamén se celebrará o festival de gastronomía e música FERVE (16-18 de setembro) e o Río Verbena Fest (24 de setembro).

 

Ademais desta gran gala, Galicia Ilusiona tamén rematará nas vindeiras semanas coas súas actuacións programadas ao longo da provincia no marco de Maxia no Camiño, que é unha das catro partes deste festival mundial do ilusionismo. Xa se celebraron espectáculos en 21 localidades de Pontevedra aproveitando a mellor climatoloxía do mes de agosto, pero aínda restan por celebrar as de Bueu, A Estrada, Marín, Mos, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Soutomaior. Estes eventos contan cun elenco dunha vintena de magos, entre os que figuran alguns tan coñecidos como Teto, Xacobe, Paco ou Pedro Volta.

 

Finalmente, este certame tamén incluirá a celebración en Pontevedra, o 23 de setembro, nas vésperas do espectáculo internacional, dunha actuación de pequeno formato na Unidade de Pediatría do Hospital Público de Montecelo para poder compartir a maxia cos cativos ingresados e ofrecerlles un rato de ledicia, segundo explicou Luis López.

Imaxes relacionadas