Lorenzana referenda o compromiso da Xunta para acadar a presenza equilibrada de mulleres en esferas de decisión a través das políticas de benestar laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na xornada sobre o impacto da muller empresaria no mundo organizada por Women Presidents Organization


No acto destacou as políticas autonómicas de apoio á conciliación, á flexibilidade e a efectiva implantación da igualdade nas empresas
 

A Xunta destinará 935 millóns de euros á execución do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades 2022-2027 que, xunto coa nova lei autonómica de igualdade situará a Galicia á vangarda da loita contra as discriminacións
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración da xornada sobre o impacto da muller empresaria no mundo, organizada por Women Presidents Organization (WPO) co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde remarcou que a conxunción “mulleres e liderado constitúen unha fórmula de éxito” polo que a Xunta está a favorecer que as traballadoras participen nas esferas de decisión con medidas de apoio á conciliación, ao benestar laboral e á implantación da igualdade nas empresas.

Lorenzana defendeu que tanto no ámbito público como privado, o feito de que as mulleres  ocupen cargos directivos de alta responsabilidade “debería ser unha prioridade, sobre todo por xustiza social” ao que engadiu que “as figuras en posición de liderado teñen un poder transformador nas dinámicas sociais e na realidade que vivimos”.

Organizacións como a WPO aglutinan grandes líderes empresarias dinámicas e diversas de todo o mundo. A conselleira animounas a que sigan realizando alianzas empresariais e xornadas como a de hoxe “para aproveitar o coñecemento colectivo e incentivar avances revolucionarios”.

Para a representante da Xunta non se trata soamente de favorecer o benestar laboral de todas e todos, senón tamén dunha cuestión de produtividade. “A Organización Internacional do Traballo asegura que 6 de cada 10 compañías que promoven a igualdade laboral aumentan os seus beneficios entre un 5 e un 20%”, subliñou.

O Goberno galego está comprometido na elaboración de políticas de discriminación positiva e concienciación da cidadanía e traballa de xeito directo co tecido produtivo. Está a redobrar esforzos para que as crises sociais ou económicas non repercutan nun retroceso dos avances conseguidos neste ámbito e quere incidir na corresponsabilidade nos fogares para contribuír, “de maneira definitiva e inamovible nunha presenza equilibradas da muller nas esferas de decisión”, dixo a conselleira.

Apoio desde a Xunta

Para acadalo, desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estanse a promover e apoiar os plans de igualdade nas empresas, o teletraballo, a flexibilización horaria e a conciliación. Co impulso á formación en igualdade laboral a través dun campus virtual propio estase a lanzar unha oferta anual de ata 5.000 prazas.

Tamén se creou en Galicia unha ferramenta dixital gratuíta de autodiagnose para empresas, á que se suma o desenvolvemento dunha certificación galega de excelencia en igualdade para empresas, para distinguir a aquelas organizacións que destaquen na aplicación de políticas igualitarias, coa finalidade de recoñecer publicamente o seu labor e exemplo de boas prácticas.

A Xunta “está a traballar para integrar, progresivamente, a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais e ofrece diversos apoios específicos á formación e o emprego de mulleres través un Plan Emprega Muller, apoios que se suman a unha estratexia moito máis ampla a nivel Goberno autonómico, ao ser consideradas como colectivo prioritario en multitude de subvencións e axudas de todo tipo”, lembrou Lorenzana.

Neste marco destaca a aprobación do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, cunha dotación orzamentaria de 935 millóns de euros a executar no período 2022-2027.

O Goberno galego está a traballar ademais nunha nova lei de igualdade autonómica, “unha normativa que emerxe co obxectivo de seguir situando a Galicia á vangarda na loita contra os ataques sexistas e a discriminación múltiple da muller, prestando especial atención ao progreso cara a un novo contexto marcado pola igualdade e o benestar laboral na Comunidade galega”, remarcou a conselleira.

Imaxes relacionadas