A Xunta difundirá os valores do Camiño e do Museo de Pontevedra entre escolares de vilas da ruta portuguesa a través de 'O Teu Xacobeo'

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou a iniciativa O Museo en Camiño, volta á ruta xunto ao director da pinacoteca, José Manuel Rey, representantes da asociación Taller Abierto e a actriz Raquel Queizás
 

A actividade desenvolverase entre o 15 de setembro e o 31 de outubro na cidade de Pontevedra e nas vilas de Cesantes, Pontesampaio, Barro, Catoira e Pontecesures e está orientada a cativos de educación infantil e primaria
 

Este proxecto dá continuidade ao celebrado na anterior edición e incorpora artes escénicas e plásticas, os valores patrimoniais do museo, obradoiros interxeracionais e unha exposición de clausura no recinto provincial
 

“As dúas primeiras edicións de O Teu Xacobeo desenvolveron 572 actuacións en 200 localidades galegas e seguimos a darlle pulo nesta terceira quenda ao abeiro da maior convocatoria sociocultural da historia de Galicia”, sinalou Luis López

Pontevedra, 13 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai difundir os valores do Camiño de Santiago e a riqueza do Museo Provincial de Pontevedra entre escolares de localidades polas que pasa a ruta portuguesa a través do programa O Teu Xacobeo.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá, na sala Castelao do Museo Provincial de Pontevedra, a iniciativa O Museo en Camiño, volta á ruta xunto ao seu director, José Manuel Rey, as representantes da asociación Taller Abierto -promotora deste proxecto- África Martínez e Ana Barreiro e a actriz, contacontos e artista Raquel Queizás.

 

“A Xunta está a facer un enorme esforzo nestes 730 días tan especiais de dobre Ano Santo e por iso estamos a levar o Xacobeo a todo o territorio e a todos os cidadáns, porque é importante que todos se sintan partícipes desta gran celebración e que se reforcen os valores do Camiño como sinal de identidade do noso pobo, ao tempo que proxectamos Galicia en todo o mundo”, sinalou o representante autonómico.

 

Esta nova actividade, que se presenta baixo o título O Museo en Camiño, volta á ruta, consiste nun proxecto didáctico pioneiro que se desenvolverá do 15 de setembro ao 31 de outubro entre escolares de educación infantil e primaria da cidade de Pontevedra e das localidades de Cesantes, Pontesampaio, Barro, Catoira e Pontecesures.

 

Este proxecto baséase nos materiais educativos e lúdicos creados na convocatoria anterior para dar a coñecer o Camiño de Santiago e o Museo Provincial de Pontevedra entre os cativos e renóvase coa introdución e mistura de artes escénicas e plásticas, os valores patrimoniais, obradoiros interxeracionais e unha exposición de clausura na propia pinacoteca.

 

“As dúas primeiras edicións de O Teu Xacobeo permitiron desenvolver 572 actuacións en máis de 200 localidades galegas e seguimos a darlle pulo nesta terceira quenda, na que a Xunta mobiliza 1,5 millóns de euros, no que está a ser a maior convocatoria de ámbito sociocultural da historia de Galicia”, detallou a modo de balance o representante autonómico.

 

Finalmente, Luis López sinalou que esta iniciativa, xunto cos Concertos do Xacobeo, que volverán a Pontevedra nas dúas vindeiras fins de semana co FERVE e o Río Verbena Fest, e as decenas de actividades postas en marcha na cidade e ao longo do Camiño Portugués “están a contribuir decisivamente a que esta ruta se consolide como a segunda en importancia, a que xa batera o seu récord de visitantes cando aínda restan 110 días de Xacobeo e a que se xere un importantísimo retorno socioeconómico na capital e en toda a provincia”.

Imaxes relacionadas