A Xunta demanda unha planificación completa de obras e investimentos para o impulso do ave Vigo-Porto que empece por concretar un calendario para a Saída Sur

Esposende (Portugal),  13 de setembro de 2022

A Xunta demanda unha planificación completa de obras e investimentos para o impulso do AVE Vigo-Porto, que comece por concretar un calendario para a execución da Saída Sur.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou esta mañá no 6º Encontro Nacional das Autoridades de Transportes, celebrado na localidade lusa de Esposende, no que participou tamén o secretario de Estado de Mobilidade Urbana do Goberno portugués, Jorge Delgado.

 

Na súa intervención, Ethel Vázquez defendeu a necesidade de aproveitar a oportunidade única que representan os fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa e do programa Next Generation para impulsar a infraestrutura máis importante e estratéxica para a Eurorrexión.

 

O obxectivo do impulso do tren de alta velocidade Vigo-Porto é, dixo, reducir o tempo de viaxe entre Vigo e Porto desde as 2 horas e 20 minutos actuais ata menos dunha hora, unha meta que defenderá a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal de cara ao próximo Cumio Ibérico de Trujillo.

 

A conselleira de Infraestruturas incidiu en que o primeiro paso da conexión Vigo-Porto en alta velocidade debe darse coa execución da Saída Sur ferroviaria de Vigo, que se atopa aínda pendente dun compromiso serio e real por parte do Executivo español.

Lembrou que, pese a tratarse dunha actuación de responsabilidade estatal, a Xunta de Galicia quere contribuír ao seu desenvolvemento, motivo polo que realizou, da man dos maiores expertos galegos na materia, un estudo que acredita a rendibilidade económica e social que tería a Saída Sur.  Así, indicou que esta infraestrutura permitiría multiplicar o negocio do Porto de Vigo, fortalecería a Eurorrexión e por si mesma xa permitiría acurtar o tempo de viaxe entre Vigo e a fronteira portuguesa en 22 minutos.

 

Galicia, referencia en transporte público

Na súa intervención no Encontro Nacional das Autoridades de Transportes, Ethel Vázquez expuxo as liñas principais do modelo de mobilidade de Galicia, da que afirmou que é hoxe unha referencia na España das autonomías en materia de transporte público.

 

Concretou que, con 30.200 núcleos de poboación, espallados por unha orografía singularmente difícil, o peso principal do sistema de transporte público é o autobús.E, a Xunta, nunha aposta sen precedentes polo transporte público, dotou a comunidade dunha rede de 3.400 liñas de autobús renovadas e modernizadas, levando estes servizos a onde antes non chegaba e multiplicando a cobertura territorial.

O Goberno galego puxo en marcha o transporte compartido, aproveitando as prazas baleiras do autobús escolar para dar servizo ao resto da poboación; e o transporte baixo demanda, coa que o autobús só realiza determinados servizos cando os usuarios o solicitan anticipadamente.

Ethel Vázquez remarcou que o Executivo autonómico destina, cada ano, 80 M€ a garantir un sistema de transporte público de calidade en Galicia. Tamén recordou que hoxe hai 120.000 mozos galegos, menores de 21 anos, que teñen a tarxeta Xente Nova e viaxan gratis no transporte público da Xunta.

Apuntou que esta medida da Xunta fomenta o emprego do transporte público entre a mocidade, contribúe a achegar aos mozos do rural ás oportunidades que ofrecen as cidades e axuda ás familias, aliviando as súas economías ao liberalas dos gastos de ata 1.000 € anuais.

Referiuse tamén, ao traballo do  Goberno galego para a impulsar estacións intermodais para permitir un intercambio áxil e seguro entre autobús e tren, como xa acontece en Santiago ou Ourense. E sinalou que, aínda que o ferrocarril é unha responsabilidade do Goberno de España, a Xunta vén reivindicando a modernización da realidade ferroviaria de Galicia e a achega de servizos de calidade, que foron suprimidos durante a pandemia.

Imaxes relacionadas