A Xunta remata as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na PO-551 en Domaio, no concello de Moaña, que supuxeron un investimento de 490.000 euros

Actuouse nos cruces na área da Cerradiña e no porto de Domaio e instalouse sinalización intelixente nos pasos de peóns para aumentar a visibilidade

Executáronse dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda

Habilitouse a incorporación e o xiro á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a PO-551 para acceder á vía provincial, atendendo ás alegacións presentadas ao proxecto inicial

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as actuacións para a eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551 en Domaio, no concello de Moaña, que supuxeron un investimento de 490.000 €.

A actuación desenvolveuse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e no 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Os traballos centráronse na mellora de interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executou unha glorieta. Esta última permite os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.

Tamén se acondicionaron os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instaláronse sinais verticais luminosos e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais, limitáronse o aparcamento nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.

Ademais habilitáronse dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de autobús, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén posibilitaron a mellora do paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.

No marco desta obra, renováronse as barreiras de seguridade e repuxéronse algúns sinais verticais, sendo substituídos por outros de maior reflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. E colocáronse bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.

Atendendo ás alegacións presentadas ao proxecto inicial, actuouse para posibilitar o xiro á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103. Ademais, na contorna da nova glorieta, no punto quilométrico 31+580, ampliouse o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

Durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinouse o punto exacto máis axeitado para situar o cruzamento peonil no punto quilométrico 31+920.

Plan de sendas do Morrazo

Esta intervención foi coordinada e complementa a execución da nova senda nesta mesma estrada PO-551, entre A Moureira e Palmás, tamén no concello de Moaña. As obras iniciáronse a principios deste mesmo mes de setembro para evitar os meses de maior intensidade de tráfico do verán.

Esta nova actuación conta cun investimento autonómico de máis de 1,6 millóns de euros e cun prazo de execución de 12 meses.

Construirase unha nova senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da estrada, de 1,7 km de lonxitude, desde a zona da praia da Borna ata conectar coa beirarrúa da área recreativa da Cerradiña. 

Nas obras que se levan a cabo tamén se tivo en conta a solicitude trasladada polo Concello, polo que a lonxitude da senda se ampliou respecto ao previsto inicialmente.

Esta actuación está recollida no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que a Xunta está a desenvolver nos distintos concellos e que prevé a construción de máis de 8 km de sendas seguras, sostibles e saudables, cun investimento autonómico superior aos 5 M€.

Imaxes relacionadas