Trenor aborda coa presidenta do polígono de Pocomaco a futura Lei de áreas empresariais de Galicia

O delegado territorial da Xunta na Coruña analizou coa presidenta da Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco, Lucía López, e co seu xerente, Alfredo Candales, as necesidades deste parque empresarial

A Coruña, 12 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse coa presidenta da Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco, Lucía López, e co seu xerente, Alfredo Candales, para abordar as necesidades deste parque empresarial e os seus proxectos de futuro. No encontro coincidiron na necesidade de que o Goberno central impulse a construción da Cuarta Ronda e Gonzalo Trenor trasladou o apoio da Xunta para poñer en marcha aquelas iniciativas que consideren de interese.

 

O representante da Xunta escoitou tamén as demandas relativas ao transporte xa que reclaman melloras nas conexións do transporte urbano que depende de Concello e recolleu a súa petición de que se estuden posibles modificacións nas paradas do transporte interurbano sempre que iso no supuña perxuízos para o resto de usuarios.

 

No encontro o delegado territorial da Xunta explicou as novidades da nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal e cuxa aprobación definitiva se debaterá este mes no Parlamento, e que busca axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica. O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados.

 

A nova normativa insiste na necesidade de garantir a conservación destas áreas para o que se inclúe a creación de entidades que velarán tanto polo mantemento das infraestruturas e servizos de ámbito como pola súa actualización e modernización.

 

Trenor tamén explicou a novas figuras que se crean como as reservas estratéxicas de solo ou os planes estruturantes, que fixan os parámetros básicos de ordenación dunha área empresarial y cuxa tramitación máis áxil permitirá reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización.

 

A Lei de áreas empresariais será unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade e facer da Comunidade un territorio atractivo para que as empresas se implanten.

Imaxes relacionadas