A Xunta enxalza na entrega de premios da Regata da Muller en Vilagarcía de Arousa o compromiso do deporte galego coa igualdade e a conciliación

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, lembrou que a través dun acordo coa Secretaría Xeral para o Deporte ofértanse 8.000 actividades para menores de 16 anos para axudar ás familias a conciliar
 

O VIII Plan Estratéxico de Igualdade avoga por un deporte máis equitativo coa formación e a eliminación de teitos de cristal neste ámbito como propósito
 

A implicación das familias, clave na eliminación de estereotipos á hora de elixir disciplinas a practicar, indicou López Abella

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de setembro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega de premios da Regata da Muller, cuxa fase final tivo lugar no Centro Galego de Vela, en Vilagarcía. No acto lembrou que o VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes recentemente aprobado  pola Xunta de Galicia está a impulsar a igualdade no eido deportivo ao promover a adaptación de infraestruturas, a formación ou a participación das mulleres en postos de decisión, entre outras medidas. Tamén puxo en valor a colaboración estreita que a Consellería de Promoción o Emprego e Igualdade mantén coa Secretaría Xeral para o Deporte cunha ampla oferta de actividades de conciliación para as familias con menores de 16 anos.

 

“O ámbito do deporte segue a ser unha das esferas nas que se detectan aínda brechas de xénero”, sinalou López Abella durante a súa intervención, na que tamén afirmou a relevancia de traballar a igualdade desde a perspectiva do deporte polo seu peso “en termos de participación social, como hábito saudable e como reflexo da evolución dos estereotipos imperantes”.

 

En 2020 rexistráronse en Galicia un total de 281.561 licenzas de deporte federado. Destas, só o 23,76 % corresponderon a mulleres algo que, evidencia que a práctica deportiva, cando menos no deporte federado, presenta aínda un predominio masculino. “A práctica deportiva segue a ser máis reducida entre as mulleres e as nenas e, ademais, o abandono da actividade é máis frecuente e temperán entre as rapazas”,  aseverou a secretaria xeral.

 

López Abella reivindicou a necesidade de vencer a segregación de xénero ao respecto das preferencias deportivas de mulleres e homes, unha tarefa para a que reclamou a implicación das familias para educar en valores de igualdade. “É esencial a implicación das familias para a sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, enfocada á ruptura de estereotipos e ás distintas implicacións que estes comportan na vida das persoas na elección de estudos, profesións ou actividades deportivas; en materia de  corresponsabilidade no fogar ou nas relacións afectivas, entre outras”, afirmou.

 

A través do VIII Plan estratéxico a Xunta reforzará as medidas para consolidar a perspectiva de xénero na actividade de planificación e xestión do deporte galego e impulsar a igualdade entre os axentes e entidades do tecido deportivo. A secretaria xeral puxo en valor o compromiso que o deporte galego ten coa igualdade entre homes e mulleres con medidas activadas para fomentar a linguaxe inclusiva, a adaptación de infraestruturas, a participación de mulleres en postos de decisión e a formación en igualdade a profesionais.

 

Conciliación

López Abella lembrou tamén a colaboración permanente do seu departamento coa Secretaría Xeral para o Deporte que se traduce en actuacións no ámbito dos patrocinios do deporte feminino e da conciliación. Máis de 8.000 menores de 16 anos están a tomar parte en actividades no marco do desenvolvemento do Plan Corresponsables en Galicia en arredor de 150 concellos coa implicación de 18 federacións deportivas.

 

A actuación, ademais, permite a contratación de 250 persoas monitoras. O investimento desta medida ascende a 3,5 millóns de euros e inclúe o desenvolvemento de campamentos de baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia e hóckey. Figuran tamén loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, triatlón e péntatlon moderno e vela.