A Xunta implica a sociedade galega na consecución dos obxectivos do pacto verde europeo a través da Fundación Galicia Europa

O Goberno galego vén de poñer en marcha a Alianza Galega polo Clima para implicar a todos os axentes na transformación necesaria para conseguir a neutralidade climática en 2050 e consolidar a posición de Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2022

A Xunta implica a sociedade galega na consecución dos obxectivos do pacto verde europeo a través da Fundación Galicia Europa (FGE), unha das primeiras entidades en adherirse ao Pacto Europeo polo Clima. A iniciativa da Comisión Europea pretende facer partícipe a cidadanía e todo tipo de axentes na estratexia para acadar a neutralidade climática, o chamado Pacto Verde Europeo.

 

Desde a súa adhesión a principios do ano pasado, a FGE leva a cabo actividades de información, formación e sensibilización en relación co Pacto Verde Europeo, coa incorporación de todas as iniciativas políticas e lexislativas que se derivan del. Así, inclúense dende o curso de especialización en financiamento comunitario 'TecEuropa' aos eventos dirixidos á mocidade (EuroXuventude), pasando polos encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia, que reúnen todos os meses representantes da Comisión Europea coa administración galega. Contribuíu tamén a levar unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo na Alameda de Santiago de Compostela e fixo unha campaña en redes sociais para difundir os consellos da UE dirixidos á cidadanía para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

 

En Bruxelas, como oficina de representación de Galicia, a FGE informa sobre as iniciativas galegas para avanzar cara á neutralidade climática, tendo en conta que foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse con este obxectivo, e promove o Camiño de Santiago como modelo de turismo sostible en Europa.

 

Alianza Galega polo Clima de Galicia

O Goberno galego asumiu o reto de impulsar a Alianza Galega polo Clima para coordinar todas as accións que se desenvolvan na Comunidade e multiplicar os seus beneficios para mitigar os efectos do cambio climático. É unha ferramenta incluída na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 adoptada en 2019.

 

No marco desta Alianza, fixaranse e consensuaranse anualmente as propostas para resolver as principais ameazas da Comunidade e identificaranse os factores e fendas de coñecemento e xestión que obstaculizan a acción contra este fenómeno global.

 

A Xunta de Galicia invita, pois, a todas as entidades galegas a sumarse á Alianza Galega polo Clima asinando un Memorando de entendemento. Trátase dunha adhesión voluntaria e aberta dirixida, principalmente a empresas e asociacións profesionais e sindicais que queiran aproveitar a oportunidade deste compromiso medioambiental para visualizar a súa forma de producir responsable; ONG ambientais e organizacións da sociedade civil que queiran achegar a súa experiencia; así como ás administracións públicas e organizacións científicas e académicas que acheguen os seus coñecementos na mellora das prácticas ambientais.

 

Así, as partes, tendo en conta as súas responsabilidades comúns e o carácter específico dos seus obxectivos, asumen como compromiso realizar unha aproximación ou avaliación do impacto ambiental e climático derivado da súa actividade; establecer accións e medidas orientadas á adaptación ou mitigación do cambio climático; promover e apoiar a cooperación e o intercambio; e desenvolver as liñas estratéxicas que se propoñan no seo da Alianza polo clima.

 

Coa sinatura, os membros comprométense a protexer o sistema climático en beneficio das xeracións presentes e futuras, e a tomar medidas de precaución para prever, previr ou reducir ao mínimo as causas do cambio climático e fomentar a resiliencia.

 

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas