A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse coa alcaldesa, Rocío Seijas, e co tenente de alcalde, Eloy Pérez

A Xunta e o Concello de Monterroso abordan mellorar a contorna da área recreativa da Peneda

 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia e o Concello de Monterroso mellorarán a contorna da área recreativa da Peneda, tal e como abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a alcaldesa, Rocío Seijas, e o tenente de alcalde, Eloy Pérez, durante unha reunión que mantiveron recentemente.

 

O proxecto, localizado ao carón do nacemento do río Ulla, incluiría a renovación da iluminación, melloras para garantir a accesibilidade, a rehabilitación de mobiliario urbano e a dotación de servizos.

 

Esta iniciativa, ademais de levar aparellados beneficios como o impulso do emprego verde e o turismo sustentable, tamén contribuirá á conservación ambiental desta contorna.

 

Os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna de Galicia e a Xunta traballa para poñer en valor o papel identitario destas arterias naturais, responsables de transportar nutrientes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio.

Imaxes relacionadas