O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe nunha andaina solidaria para dar visibilidade a esta doenza neurodexenerativa

A Xunta defende a importancia da prevención e de levar unha vida saudable para combater o Alzhéimer

Os participantes nesta iniciativa percorreron o último treito do Camiño de Santiago e remataron no parque de Bonaval diante da árbore da memoria

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022

A Xunta avoga pola investigación, a formación das persoas coidadoras, a prevención e os hábitos de vida saudables para combater as enfermidades neurodexenerativas. Díxoo esta mañá o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que participou na IV Andaina Solidaria co alzhéimer organizada pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares Enfermos de Alzhéimer (Fagal).

 

Fernando González Abeijón salientou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para sensibilizar e dar visibilidade a esta doenza. Así mesmo, garantiu que o Executivo autonómico seguirá apoiando ás entidades que como Fagal levan anos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen alzhéimer.

 

Os participantes na andaina de hoxe percorreron o último treito do Camiño de Santiago, con saída do Monte do Gozo, pasaron pola praza do Obradoiro e remataron no parque de Bonaval diante da árbore da memoria, un espazo para recordar ás persoas que padecen alzhéimer que foi inaugurado no ano 2016.