Galicia viviu un verán climatolóxico extremadamente cálido, cos valores medios máis altos da serie histórica

O resumo do informe climatolóxico estacional de MeteoGalicia conclúe que a temperatura media do período se situou 1,6 graos por riba do agardado nesta época, mentres que o volume de precipitacións se moveu dentro da normalidade
 

Xullo destacou polos episodios de calor extremo, con temperaturas medias que acadaron os 22,4 graos, agosto foi moi cálido e xuño resultou un período normal
 

Os termómetros marcaron os valores medios máis altos de toda Galicia nas ribeiras do río Sil e os máis baixos no macizo ourensán de Manzaneda e na serra do Xistral

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022

Galicia rexistrou un verán climatolóxico normal en canto ás precipitacións e extremadamente cálido no que respecta ás temperaturas, un balance ao que contribuíu de forma especial o mes de xullo, que estivo marcado por varios episodios de calor extremo.

 

Así se conclúe no resumo do informe climatolóxico de MeteoGalicia sobre o último trimestre, elaborado a partir dos datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade e tendo en conta a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010.

 

As temperaturas marcaron rexistros históricos, especialmente durante xullo. Así, a media no conxunto do período situouse en 20,7 graos, é dicir, 1,6 graos por riba do habitual, e a estación climatolóxica acabou rexistrando no seu conxunto as temperaturas medias e máximas máis elevadas de toda a serie histórica.

 

Por meses, xullo foi extremadamente cálido e a temperatura media acadou os 22,4 graos, cunha anomalía de +2,7 graos con respecto aos valores históricos rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Agosto mantivo unha tónica similar debido á persistencia das situacións anticiclónicas, sendo no seu conxunto un período moi cálido.

 

O único mes que se desmarcou da tónica xeral do verán en Galicia foi xuño, marcado por unha gran variabilidade de situacións meteorolóxicas e os contrastes entre xornadas extremadamente cálidas e secas cun comezo e un final de mes con predominio de temperaturas frías, polo que, finalmente, resultou ser un período normal.

 

Diferencias xeográficas

En canto á situación por áreas xeográficas, o comportamento dos termómetros presentou certas diferencias. Así, mentres a media no conxunto da Comunidade se situou en 20,7 graos, no macizo ourensán de Manzaneda e na serra do Xistral rexistráronse os valores máis baixos, en torno aos 14,7 graos, mentres que nas ribeiras do río Sil os termómetros chegaron a acadar, de media, os 24 graos.

 

No que respecta á chuvia, Galicia viviu no seu conxunto un trimestre dentro da normalidade. As precipitacións medias para as 16 estacións meteorolóxicas de referencia foron de 117 litros por metro cadrado, apenas un 2% máis do agardado para este período, polo que o verán se considera, no seu conxunto, normal.

 

Desde este punto de vista, xuño foi o único mes do período caracterizado como húmido debido ás chuvias rexistradas durante a primeira semana e os últimos 10 días. De feito, o balance mensual foi de 86 l/m2, o que significa que choveu un 78% máis do previsto atendendo aos datos históricos de referencia.

 

A situación cambiou a partir de xullo, onde o predominio do tempo anticiclónico fixo que as chuvias rexistradas foran escasas mesmo para esta época do ano, cun déficit pluviométrico dun 66% respecto do habitual.

 

O verán climatolóxico rematou cun agosto seco, no que se mantivo a tónica do mes anterior aínda que a anomalía con respecto das precipitacións agardadas para esta época do ano foi dun 39%.

 

O reparto da chuvia rexistrada durante todo o trimestre non foi homoxéneo no conxunto da Comunidade. Así, os valores máis altos concentráronse localmente na Mariña occidental, con preto de 340 l/m2 acumulados entre xuño e agosto. Pola contra, os rexistros máis baixos concentráronse en gran parte das provincias de Ourense e Pontevedra así como nas comarcas coruñesas de Bergantiños e Terra de Soneira, onde apenas se recolleron 50 l/m2.

Imaxes relacionadas