As vivendas para vítimas da violencia de xénero de Chantada recibiron 20 mulleres e 14 menores desde a súa posta en marcha en 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou este recurso de transición para as mulleres previo ao seu acollemento
 

A casa de Chantada ofrece sete prazas nas que ademais de aloxamento e manutención, se presta unha atención integral ás mulleres e ás súas fillas e fillos para a súa protección e recuperación

As vivendas forman parte da Rede Galega de Acollemento que ofrece en toda Galicia un total de 84 prazas

Chantada (Lugo), 10 de setembro de 2022

As vivendas para mulleres vítimas da violencia de xénero de Chantada foron utilizadas desde a súa apertura en 2020 por un total de 20 mulleres e 14 menores. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, vén de visitar este recurso -apoiado pola Xunta de Galicia nos anos 20, 21 e 22 con máis de 415.000 euros- concibido como paso previo ao acceso a unha casa de acollida.

 

Nas vivendas de Chantada proporciónase ás vítimas, e ás súas fillas e fillos menores, apoio, aloxamento, manutención e atención integral. “Garánteselles un espazo de protección e de recuperación, de transición, antes de acceder a unha casa de acollida”, destacou a secretaria xeral.

 

A cifra de persoas usuarias destes fogares viuse mantendo ao longo dos anos. En 2020, pasaron polos mesmos 7 mulleres e 8 menores. En 2021, 7 nais e 3 fillas e/ou fillos. No primeiro semestre deste ano, o número incrementouse ao contabilizarse só entre xaneiro e xuño un total de 34 persoas usuarias, 20 mulleres vítimas e 14 menores.

 

O centro de Ourense é un dos sete recursos -casas de acollida, vivendas tuteladas e o centro de emerxencia (o CEMVI de Vigo)- que forman parte da Rede Galega de Acollemento pola que pasaron en 2021 un total de 114 mulleres vítimas da violencia de xénero e 89 menores.

 

Neste 2022, os centros de acollemento, situados nas localidades da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada, contan cun total de 84 prazas.

 

Tal e como remarcou López Abella, “estes recintos ofrecen apoio residencial e temporal e atenden e contribúen á recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao seu cargo”. Ofrécenlles un espazo de protección coa garantía dun tratamento integral que presta atención a aspectos de carácter psicolóxico, educativo, sociolaborais e xurídicos, co obxectivo de favorecer a normalización da situación persoal, da unidade familiar e, en definitiva, a superación dos efectos da violencia.

 

Desde 2009, un total de 3.274 persoas (1.799 mulleres e 1.475 menores) foron usuarias dos centros da Rede de Acollemento para vítimas da violencia de xénero. Entre 2009 e 2022, a Xunta terá destinados más de 4,8 millóns de euros a garantir o funcionamento e a continuidade destes recursos que considera imprescindibles para rachar coa situación de violencia e emprender unha vida autónoma.