A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da I Xornada de Pesca de Ribeira

A Xunta salienta o compromiso da frota galega cunha pesca sustentable e a protección do medio ambiente

A titular de Mar lembra que a actividade extractiva ofrece á sociedade alimentos da máxima calidade cunha baixa pegada de carbono e hídrica, como acreditan etiquetas como Pescaenverde

O Executivo galego defende unha Política Pesqueira Común que dea resposta ás necesidades do sector e que adopte todas as decisións en base a informes científicos serios e rigorosos, evitando así situacións como a proposta de veto da pesca de fondo

Galicia agarda que o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura facilite o acceso do sector aos fondos e permita mellorar a frota e as condicións de vida a bordo, o que contribuirá a impulsar a remuda xeracional
 

 

Ribeira (A Coruña), 9 de setembro de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na clausura da I Xornada de Pesca de Ribeira, onde salientou o compromiso da frota galega cunha pesca sustentable e a protección do medio ambiente. A titular de Mar subliñou que o sector marítimo-pesqueiro aposta pola sustentabilidade na explotación dos recursos e que se trata dunha actividade fundamental pois ofrece á sociedade alimentos da máxima calidade cunha baixa pegada de carbono e hídrica, como acreditan etiquetas como Pescaenverde.  

A representante da Xunta expuxo o importante labor desenvolvido pola frota nos últimos anos a prol do futuro do sector e puxo como exemplo esta xornada -organizada pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía-Organización de Produtores Pesqueiros (OPP83)- na que distintos expertos avaliaron os retos e desafíos máis inminentes aos que se enfronta o sector pesqueiro galego.

Entre eles está a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), sobre a que a representante da Xunta defendeu a importancia de que dea resposta ás necesidades do sector, facilitando o seu labor. Nesta liña, pediu que todas as decisións de calado conten con informes serios e rigorosos que os avalen, para evitar situacións como a pretensión de Bruxelas de vetar a pesca de fondo en determinadas áreas de augas comunitarias.

Rosa Quintana lembrou que Galicia rexeita esta medida -que carece de estudos científicos que xustifiquen a súa aplicación- e que traballa da man do sector co obxectivo de defender os seus intereses ante todas as instancias pois trátase dunha medida que causaría un importante prexuízo incluso a artes tan selectivas como o palangre.

A titular de Mar tamén puxo de relevo a transcendencia de que o sector poida acceder de xeito fácil ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) e dea resposta ás necesidades máis urxentes da frota. Entre eles, destacou a renovación dos barcos -tanto para mellorar a habitabilidade como para que sexan máis selectivos e respectuosos co medio ambiente- pois contribuirá a impulsar a remuda xeracional no sector.

A representante do Executivo galego incidiu ademais en que Galicia é un exemplo de boa xestión e de aposta pola cogobernanza, un aspecto que bota en falta no proxecto de lei estatal de pesca sostible e investigación pesqueira. Rosa Quintana defendeu -como xa fixo onte no Congreso dos Deputados- a revisión completa e dialogada desta norma pois non cumpre os obxectivos que se marcaba e xera inseguridade xurídica ao sector en aspectos como a xestión das cotas de captura.

Neste sentido, animou ao conxunto do sector a manter a liña de traballo actual apostando pola explotación sustentable dos recursos e a protección do medio ambiente. Un modelo, dixo, que segue a frota de Ribeira, referente en Europa no que á pesca de baixura se refire e que conta cunha das lonxas máis importantes da comunidade.   

O evento

A I Xornada de Pesca de Ribeira está organizada pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía-Organización de Produtores Pesqueiros (OPP83) no marco do seu plan de produción e comercialización de 2022 para impulsar a actividade dos seus socios e a posta en valor dos seus produtos. 

O encontro, que se celebrou na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, contou coa participación de distintos expertos e representantes institucionais que abordaron aspectos como os retos e oportunidades do Fempa, a lei estatal de pesca sostible, a certificación das pesqueiras sustentables ou a estratexia europea de biodiversidade.

Entre eles estivo o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Antonio Basanta, que analizou a posición de Galicia sobre a Estratexia de Biodiversidade 2030 da Unión Europea e o futuro da pesca de fondo. A comunidade pide que Bruxelas retire a proposta de veto destas artes e defende a necesidade de tomar todas as decisións con informes científicos serios e rigorosos que avalen esas medidas, algo que non ocorre neste caso.

Imaxes relacionadas