A Xunta concede preto de 500.000 euros á posta en marcha de proxectos e ao fomento do voluntariado xuvenil e sénior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións das tres convocatorias destinadas a entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e a administracións locais

As actividades de voluntariado sénior están dirixidas a persoas maiores de 55 anos, mentres que o voluntariado xuvenil diríxense a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia concede axudas por preto de 500.000 euros para impulsar programas de voluntariado sénior e xuvenil, así como para fomentar o voluntariado en xeral nas entidades de acción voluntaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación completa coas entidades e concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia beneficiados desta convocatoria de achegas económicas.

 

Con estas tres ordes de axuda, a Xunta financia as actuacións de sensibilización que estas entidades realizan sobre a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario, facendo ademais especial fincapé na implicación de dous colectivos esenciais: a xente moza e as persoas maiores, que colaboran así de xeito altruísta na súa contorna. 

 

Tres liñas de axudas

A primeira liña de axudas ten como beneficiarias a 127 entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia, que presentaron proxectos na área da sensibilización, formación e coordinación dentro do voluntariado. Son máis de 145.000 euros os concedidos pola Administración autonómica neste apartado.

 

A segunda liña, coa que se concederon máis de 80.000 euros en axudas, está dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Voluntariado Sénior. Deste xeito, víronse beneficiados unha ducia de municipios, así como 27 asociacións do eido do voluntariado.

 

Por último no Programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, a Xunta de Galicia destina preto de 250.000 euros a 25 Concellos e 35 entidades de acción voluntaria, que centran a súa actividade en diferentes eidos como a discapacidade, a inclusión social, o coidado do medio ambiente ou a promoción da cultura e o patrimonio galego.