Lorenzana pon en valor a alza do investimento que a Xunta destinará en 2022 e 2023 a obradoiros duais de emprego e que superará os 52 M€

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou en Padrón a acción formativa ‘Comarca do Sar 2021’ na que participaron 18 persoas, tres delas xa atoparon traballo

Anunciou que os tres concellos promotores, Padrón, Dodro e Rois, recibirán máis de 500.000 euros para dar continuidade a esta actividade na nova convocatoria na que as alumnas e alumnos poderán formarse en revestimentos e atención a dependentes

Lorenzana anunciou que cos novos apoios realizaranse en Galicia máis de 100 obradoiros dirixidos a máis de 2.000 persoas sen emprego

Padrón (A Coruña), 20 de xullo de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Comarca do Sar 2021 organizado de xeito conxunto polos concellos de Padrón, Dodro e Rois, e que contou cun investimento por parte da Xunta de case 347.000 euros.

Durante nove meses un total de 18 alumnos e alumnas formáronse en dúas especialidades: realización de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, por unha banda, e actividades auxiliares para a conservación e a mellora de montes.

A conselleira destacou que as persoas participantes tiveron a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos, realizando actuacións de acondicionamento e rehabilitación que contribuíron a mellorar os núcleos urbanos e os espazos naturais desta comarca. “Unhas actuacións que repercutiron positivamente na vosa contorna e protexeron un dos bens máis prezados que temos: o noso medio ambiente”, subliñou.

Puxo como exemplo a efectividade deste tipo de actividades para abrir novas portas ao mercado de traballo. Lorenzana, indicou neste senso, que tres dos alumnos participantes no taller atoparon xa un emprego.

A Xunta, segundo remarcou a conselleira, mantén firme o seu compromiso con este tipo de iniciativas demandadas polos concellos e a veciñanza e anunciou que en 2022  Padrón, Dodro e Rois contarán cunha nova edición do taller dual hoxe clausurado.

A ese novo obradoiro destinaranse 504.000 euros, case 158.000 euros máis que o pasado ano, o que permitirá formar 20 veciños e veciñas en situación de desemprego en materia de revestimentos e na atención sociosanitaria a persoas dependentes.

Incremento orzamentario

Lorenzana aproveitou o acto para anunciar a alza do 25% no orzamento previsto para a convocatoria 22-23 dos obradoiros duais de emprego, co obxectivo de “podermos atender a totalidade das solicitudes admitidas”, subliñou. Esta ampliación de crédito de 10,5 millóns de euros, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e permitirá incrementar ata os 52,6 millóns de euros o investimento da Xunta para estes anos.

Estamos, segundo indicou, ante “un significativo aumento, o maior dos últimos 12 anos, co que se realizarán 101 obradoiros duais de emprego na nosa Comunidade e se ofrecerán contratos de formación e aprendizaxe a 2.001 persoas durante doce meses, tres máis que ata o de agora”.

Imaxes relacionadas