A Xunta e o Concello do Pereiro de Aguiar invisten máis de 167.000 € na humanización da capitalidade municipal

Ángeles Vázquez subliña o compromiso do Goberno galego por brindar o seu apoio ás entidades locais na promoción de actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 9 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello do Pereiro de Aguiar investiron 167.715 euros en obras de mellora e humanización da capitalidade municipal, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante unha visita á zona na que se actuou, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a conselleira salientou que esta actuación permitirá que o ámbito delimitado pola rúa Grande, a praza do Concello e o camiño Baralongo teña unha aspecto renovado e integrado coa paisaxe, ademais de ser unha zona moito máis funcional, aberta e accesible aos veciños.

 

Os traballos consistirán no soterramento das instalacións e das conexións á vivendas, para garantir servizos básicos municipais de calidade; a instalación dunha rede de sumidoiros separativa, para mellorar a xestión das augas residuais deste ámbito; a substitución do pavimento por outro máis acorde á contorna -formigón e lousa de granito-, e a instalación de iluminación e mobiliario urbano.

 

Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do Goberno galego por brindar o seu apoio ás entidades locais a través do plan Hurbe, posto en marcha en 2010, na promoción de actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

 

Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas