Rueda salienta que a Xunta executou xa máis do 80 % dos 1.300 M€ de fondos estruturais para o período 2014-2020

O presidente do Goberno galego salienta que isto proba que Galicia están sendo “áxil e dilixente” na xestión dos fondos comunitariosA estes 1.300 millóns hai que engadir 440 millóns de euros do fondo REACT, co cal o total de fondos de Galicia para este período ascende a 1.740 M€


O Goberno galego executou o 80,1 % dos recursos Feder e o 88 % dos recursos do Fondo Social Europeo


A Administración autonómica xa ten comprometidos fondos por riba destes 1.300 millóns de euros e prevé que o total dos recursos serán executados en prazo, antes de finais do ano 2023

 

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego leva xa executado máis do 80 % dos 1.300 millóns de euros de fondos estruturais correspondentes ao período 2014-2020, unha porcentaxe que, asegurou, supera o 95% se inclúense os “fondos executados e os comprometidos”. Ademais, a esta cantidade hai que engadir outros 440M € do fondo REACT destinados a reparar os danos económicos e sociais provocados pola COVID-19, dos cales tamén están “executados ou comprometidos unha alta porcentaxe”. “Galicia está sendo áxil e dilixente á hora de usar e xestionar os fondos comunitarios”, sinalou.

Durante a súa intervención, na que deu conta do Informe sobre a execución dos programas dos fondos estruturais 2014-2020 presentado hoxe ao Consello da Xunta polo titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, Rueda lembrou a demora do Goberno central á hora de xestionar os fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia. Neste sentido, subliñou que tanto Galicia como o resto de comunidades demandan unha maior “descentralización” da xestión dos fondos para que as propias autonomías poidan “facer as convocatorias, acaídas aos proxectos” de cada territorio.

 

O informe presentado hoxe no Consello indica que os 1.300 millóns de fondos estruturais programados cuxo prazo de execución remata no mes de decembro do vindeiro ano 2023 se distribúen entre o Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dotado con 915 M€ ,destinado a potenciar a I+D+i, mellorar a competitividade das pemes, o ambiente ou favorecer a transición cara a unha economía baixa en carbono; o Fondo Social Europeo (FSE), con 322 M€, orientado a promover a sustentabilidade e a calidade do emprego, a inclusión social e a loita contra a pobreza ou á formación e educación; e o Programa de emprego xuvenil, cofinanciado co FSE, por importe de 62 M€, que ten como finalidade a formación e integración da mocidade no mercado laboral.

 

Neste momento, dos 915 M€ de Feder xa están executados 733 millóns, o que supón un 80,1 % do total, mentres que dos recursos incluídos no FSE están executados 283 millóns de euros, é dicir, o 88 %. En canto ao Programa de emprego xuvenil, en día de hoxe executáronse 48 millóns (78 %).

En canto aos 440 millóns correspondentes ao REACT, 349 millóns son para executar actuacións dentro do programa Feder e 91 no do FSE. Neste marco, a Xunta executou e comprometeu xa o 70 % do REACT-Feder, así como o 99 % dos fondos asignados para o REACT-FSE.

 

Con este nivel de execución, e cos compromisos xa adquiridos por riba do 100 %, a Administración autonómica prevé que se executará o total destes recursos europeos no prazo previsto, que remata o 31 de decembro do ano 2023, o que permitirá o reembolso da totalidade dos fondos europeos estruturais do período 2014-2020.

 

Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR)

Outra partida de fondos europeos que están tamén en execución, e que deben estar comprometidos antes de finalizar o ano 2023, son os fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR). O total destes fondos no tramo de subvencións ascende a 77.234 millóns de euros.

Neste momento están asignados ás comunidades autónomas 22.170 millóns de euros aproximadamente. A parte correspondente a Galicia é de 1.285 millóns de euros, é dicir, o 5,8 %. Destes 1.285 M€, a Comunidade galega só recibiu do Estado 764 millóns de euros, o que sumado ao atraso na transferencia destes recursos por parte do Goberno de España dificulta a súa xestión e o avance dos proxectos galegos.

Porén, dos 764 millóns de euros transferidos ata o momento polo Estado a Galicia xa están en tramitación expedientes de gasto que mobilizarán o importe total destes fondos. E en día de hoxe os proxectos adxudicados ascenden a 250 millóns de euros, o 33 % do total.

Imaxes relacionadas