O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Política Social, Sanidade e Emprego

A Xunta presentará nos próximos meses a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada

Galicia converterase na primeira comunidade en contar cun documento destas características que tratará de previr, detectar, intervir, visibilizar e buscar vías de cooperación para atender ás persoas en situación de soidade non desexada
 

Estase a revisar e a analizar o primeiro documento presentado o pasado ano polo Goberno galego cos concellos e entidades sociais da Comunidade
 

Este plan achegará os programas de atención postos en marcha nos últimos anos ás persoas que o precisen como as casas do maior, o programa de Coidados porta a porta, o Xantar na Casa ou o servizo de Teleasistencia

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

A Xunta presentará nos próximos meses a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada logo da súa revisión e análise cos concellos galegos e as entidades sociais. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Política Social, Sanidade e Emprego para responder a unha pregunta sobre o estado deste plan.

 

O director xeral lembrou que o pasado ano presentouse un primeiro documento no que se facía unha radiografía xeral da situación en Galicia e se recollían iniciativas postas en marcha no resto de países europeos. Este primeiro análise está sendo agora concretado e analizado polo axentes implicados para definir vías de actuación neste eido.

 

Antón Acevedo apuntou que coa súa aprobación, Galicia converterase na primeira comunidade a nivel estatal en contar cun plan destas características. Así mesmo, concretou que as liñas xerais desta estratexia centraranse en cinco principios fundamentais: a prevención, a detección, a intervención, a visibilización e a cooperación.

 

Programas de atención

O obxectivo final desta estratexia é achegar os programas de atención postos en macha polo Goberno galego a todas aquelas persoas que están nunha situación de soidade non desexada. Neste sentido, o director xeral puxo como exemplo aqueles programas de envellecemento activo ou de atención de proximidade e a domicilio que se implantaron na Comunidade durante os últimos anos.

 

Entre eles, Antón Acevedo destacou os programas de voluntariado ou a formación sénior, os programas de proximidade como as casas do maior ou o autobús de coidados porta a porta que percorren todos os concellos galegos agás as sete cidades ofrecendo coidados de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria e as iniciativas de axuda a domicilio como Xantar na Casa, o Servizo de Axuda no Fogar ou o servizo de Teleasistencia.

Imaxes relacionadas