O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe as bases para a concesión desta subvención

A Xunta publica unha orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que permitirá poñer á disposición das entidades sociais 19,1 millóns de euros

Achegará fondos para facer fronte a gastos correntes e tamén para adquirir equipamento, obras de rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados

Os programas que se poderán financiar serán aqueles dirixidos a asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como iniciativas que favorezan o voluntariado e a inclusión social

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IPF) destinada a impulsar programas de carácter social por un importe de 19,1 millóns de euros.

 

As axudas financiarán gastos correntes deste tipo de programas e tamén está previsto sufragar investimentos referidos a obras de equipamento, rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados.

 

Esta partida corresponde á parte dos fondos que xestiona a Consellería de Política Social e Xuventude e aos que se engadirán outros xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade e pola Consellería de Sanidade. Os programas que se poderán financiar serán polo tanto aqueles dirixidos a asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como iniciativas que favorezan o voluntariado e a inclusión social.

 

Para facilitar a tarefa destas entidades, anticiparáselles o 100% da axuda, que loxicamente terán que xustificar con posterioridade. As entidades contan co prazo dun mes, contado a partir de mañá para presentar a súa solicitude.