Máis de 3.300 persoas xa participaron nas accións do primeiro plan de formación específico para o sector servizos durante este Xacobeo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade amplía o prazo límite para a impartición de cursos ata o próximo 30 de novembro

A convocatoria dirixiuse a entidades inscritas ou acreditadas para impartir formación profesional para o emprego por un orzamento de 4 millóns de euros

As actuacións están dirixidas especialmente a persoas ocupadas do sector, aínda que tamén están a tomar parte traballadoras e traballadores en situación de desemprego e afectadas por ERTE ou ERE

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade leva hoxe ao Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación do prazo que as entidades beneficiarias da orde de formación específica para o sector servizos, activada hai un ano vencellada á conmemoración do Xacobeo, poidan prolongar os seus cursos e actuacións dous meses máis, ata o próximo 30 de novembro. Un total de 3.371 persoas participaron ata o día de hoxe en 113 cursos celebrados. Coa extensión do período de impartición a Xunta estima superar as 200 formacións aprobadas, relacionadas, en todo caso, co ámbito da hostalaría e o turismo.

A Xunta ten en marcha desde agosto de 2021 este primeiro plan de formación específico para o sector servizos con 4 millóns de euros destinados a impulsar a cualificación de persoas traballadoras durante a celebración do actual Xacobeo, co fin de mellorar as súas capacidades e adaptalas á nova era dixital.

Os apoios canalizáronse a través das entidades titulares de centros acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego en modalidade presencial, de teleformación ou mixta, que resultaron beneficiarias.

Os cursos que se imparten están dirixidos principalmente a persoas ocupadas, aínda tamén participan  desempregadas e desempregados (ata un 30% do cupo total) e traballadores afectados por un expediente temporal de regulamento de emprego (ERTE) ou por un expediente de regulamento de emprego (ERE), así como socios de empresas de economía social e persoas traballadoras por conta propia.

A Xunta está a potenciar, así mesmo, a realización de accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida.

A través deste Plan o Goberno galego segue a impulsar o seu Campus Virtual de formación para o emprego, ao facilitar o acceso á cualificación dos alumnos e alumnas a través desta plataforma en modalidade telemática.

Todas as formacións impartidas no marco deste plan insírense no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego do Estado (SEPE) entre as que se atopan, entre outros, cursos de comunicación e traballo en equipo en hostalería; inglés empresarial; tratamento e xestión das queixas e reclamacións; xestión informatizada das vendas; resiliencia, aplicación do modelo de resiliencia ao sector turístico; emerxencias e primeiros auxilios en hostalería; xestión loxística; chinés básico en actividades de venda; ferramentas de difusión e márketing de medidas adaptadas ante a covid-19; sistemas de reserva en liña; ou organización de eventos e protocolo. 

A Xunta de Galicia está a revolucionar a formación para o emprego na comunidade. Actuacións como este plan evidencian que o seu compromiso, ratificado na estratexia global Xempre que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pasa pola necesidade de obter galegas e galegos cualificados e preparados para atender ás demandas do mercado laboral. Un eido no que o Goberno galego quere incidir, e para elo está a desenvolver a Axenda Galega de Capacidades e a modernizar o seu servizo de emprego aplicando a intelixencia artificial para maior conexión entre oferta e demanda de man de obra, para unha Galicia de futuro con maior crecemento do emprego e de maior calidade.

Imaxes relacionadas