A Xunta participa na presentación do Wos Festival no marco dos concertos do Xacobeo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación deste festival que terá lugar en diferentes localizacións de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela do 8 ao 11 de setembro.

O programa do festival presenta concertos, arte sonora, cinema, performance, coloquios e charlas.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación do “Wos Festival”, o cal ten lugar no marco dos concertos do Xacobeo e desenvolverase en diferentes localizacións enmarcadas en máis dunha decena de espazos excepcionais e emblemáticos no corazón do casco urbano e histórico de Santiago de Compostela do 8 ao 11 de setembro.

 

A directora de Turismo de Galicia puxo en valor o evento, incidindo en que a través deste tipo de iniciativas, Galicia convértese ano a ano nun importante reclamo para os turistas que se achegan á nosa terra grazas a unha oferta turística diferenciada e de calidade.

 

“Este Festival é un perfecto exemplo desta singularidade de Galicia que nos está a axudar a ser cada vez máis atractivos para os viaxeiros. Así, estamos a vivir un Xacobeo sen igual, no que estamos a revivir non soamente o ocio, senón todos os sectores da nosa economía en todo o territorio galego”, indicou Nava Castro.

A sexta edición deste evento segue apostando por mostrar o universo da creación contemporánea e da música de vangarda, coa participación de artistas como Aho Ssan & KMRU, Blackhaine, Caterina Barbieri, Huerco S., Pan·American, Prison Religion, Sofie Birch.

O evento volve contar, ademais, co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como unhas das 21 citas subvencionadas en 2022 a través da convocatoria anual de axudas a festivais de música considerados estratéxicos para o sector.

Mediante o apoio deste tipo de iniciativas, a Xunta de Galicia segue apostando pola diversificación e a desestacionalización da celebración deste Xacobeo 21-22, repartindo eventos ao longo de todo o ano con todo tipo de actos orientados a diferentes públicos para que a oferta cultural chegue a todas as partes do territorio.

Imaxes relacionadas