A Xunta anima ás mulleres que interromperon a súa actividade profesional pola maternidade ou os coidados a participar no proxecto ‘Entrena Emprego Lugo’

A iniciativa está cofinanciada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Fondo Social Europeo, e promovida pola Fundación Santa María la Real
 

Quere poñer en valor a experiencia destas mulleres durante a etapa dedicada aos coidados e aplicala na súa prospección laboral
 

As inscricións, de carácter gratuíto, permanecerán abertas ata o 16 de setembro

Lugo, 7 de setembro de 2022

As inscricións para a 2ª edición do proxecto Entrena Emprego Lugo, que promove a mellora da empregabilidade das mulleres que pararon a súa actividade laboral por mor da maternidade ou o exercicio de coidados a familiares, están abertas ata o próximo 16 de setembro. O programa, que se celebrará ata finais de novembro, está cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Fondo Social Europeo e organizado pola Fundación Santa María la Real.

 

As participantes terán tres sesións semanais en formato en liña para impulsar a súa procura de emprego, actualizar o seu currículo, ensaiar entrevistas e contactar con empresas. Contarán en todo momento co asesoramento de especialistas que lles axudaran a por en valor as habilidades e competencias que adquiriron ou reforzaron durante a etapa dedicada aos coidados para aplicalas na súa prospección laboral como a xestión do tempo, o traballo en equipo, a adaptación e a flexibilidade ante novas situacións, a busca de recursos, a vocación de servizo ou a formación continua.

 

O programa está aberto a mulleres con experiencia en calquera sector laboral, independentemente do seu nivel formativo.

 

Durante a duración da formación realizarán actividades para perfeccionar as súas habilidades comunicativas nas entrevistas e tamén para mellorar as súas competencias dixitais e poder dar resposta ás necesidades do mercado laboral.

 

Un total de 18 mulleres con idades comprendidas entre os 27 e os 58 anos tomaron parte na primeira edición da iniciativa que concluíu o pasado xuño.

 

As mulleres interesadas neste programa, totalmente gratuíto, poden apuntarse en https://www.entrenaempleo.org/es ou de forma presencial na oficina de emprego Lugo Sur (rúa Campos Novos 9).

Imaxes relacionadas