A Xunta impulsa unha rede de colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia para mellorar a xestión dos recursos mariños

O acto de constitución deste organismo celébrase mañá na Cidade da Cultura coa participación da conselleira do Mar e de representantes tanto do sector pesqueiro galego como das entidades de investigación mariña máis importantes da comunidade

O evento, que poderá seguirse por streaming, dá continuidade á orde pola que se creaba a rede, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 11 de xullo

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

A Consellería do Mar celebra mañá o acto de constitución da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, unha ferramenta pioneira na comunidade que pretende contribuír a que a Administración conte coa mellor información dispoñible sobre a situación dos distintos recursos para unha óptima xestión e ordenación pesqueira. O acto será na sala Eisenman da Cidade da Cultura, estará presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e contará coa participación de representantes do sector pesqueiro galego e dos organismos científicos máis importantes da comunidade.

Este evento de posta en marcha da rede -que se pode seguir por streaming a través deste enlace- prodúcese despois de que o pasado 11 de xullo o Diario Oficial de Galicia publicase a orde pola que se creaba este organismo, que busca fomentar o intercambio de coñecementos entre todos os axentes relacionados cos recursos mariños e potenciar así a mellor das condicións de vida e o traballo das persoas que se dedican á pesca, o marisqueo e a acuicultura mediante a explotación sostible, equilibrada e responsable dos recursos.  

A Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia está coordinada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e formarán parte dela representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das tres federacións provinciais, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, das tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) -un do Instituto de Investigacións Mariñas e un do Instituto Español de Oceanografía-, do Consello Galego de Pesca, da federación galega de redeiras e dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).