O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, recibiu hoxe na praza do Obradoiro aos participantes nesta experiencia

A Xunta destaca o carácter inclusivo do Camiño de Santiago grazas a iniciativas como ‘Enki no Camiño’

Persoas con e sen diversidade funcional percorreron en bicicleta os máis de 370 quilómetros que separan a cidade portuguesa de Coímbra da capital galega

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe o papel a prol da inclusión que tamén poden xogar as rutas xacobeas a Santiago. Díxoo durante a benvida aos camiñantes que participaron na iniciativa ‘Enki no Camiño’, que xuntou a persoas con e sen diversidade funcional que fixeron en bicicleta o Camiño Portugués pola costa.

 

González Abeijón gabou a capacidade de superación dos integrantes deste grupo, que “venceron os obstáculos que foron atopando no camiño e demostraron que non hai barreira que os deteña”. Así mesmo, apuntou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para dar visibilidade e concienciar ao conxunto da sociedade sobre a diversidade funcional.

 

A expedición de “Enki no Camiño” estivo composta por catro handbikes, dous tándems e catro voluntarios en bicicleta. Saíu o pasado 31 de agosto da cidade portuguesa de Coímbra e hoxe chegaron á praza do Obradoiro tras pedalear en sete etapas un total de 376 quilómetros.

Imaxes relacionadas