A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu aos participantes neste programa

A Xunta impulsa o proxecto ‘Camiñoxtodas’ da asociación sociocultural ASCM para dar a coñecer o papel das persoas con discapacidade

A organización puxo en marcha esta actividade ao abeiro do programa ‘Iniciativa Xove’ do Goberno galego

Pontedeume (A Coruña), 6 de setembro de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor hoxe o proxecto Camiñoxtodas posto en marcha pola Asociación Sociocultural ASCM para dar a coñecer o papel das persoas con discapacidade na sociedade. Fíxoo esta mañá nunha visita a unha das accións do proxecto, que está financiado ao abeiro do programa de Iniciativa Xove da Xunta de Galicia.

 

Cristina Pichel coñeceu de primeira man a actividade A biblioteca humana, coa que os participantes da asociación, con discapacidade, cóntanlle como se dun libro se tratase aos peregrinos do Camiño Inglés a súa historia de vida. Esta é unha das accións dun proxecto que quere fomentar a integración das persoas con discapacidade.

 

Iniciativa xove, que conta cun orzamento de 400.000 euros, financia proxectos promovidos e protagonizados pola mocidade cun impacto nos ámbitos social, cultural e da xuventude, entre outros. A proposta é realizada por unha entidade inscrita no censo de entidades xuvenís ou por un grupo informal de entre cinco e oito membros, todos eles empadroados en Galicia e de entre 18 e 30 anos de idade.

 

Desde a súa posta en marcha, no 2010, destináronse máis de 6,3 millóns de euros para axudar a preto de 8000 mozas e mozos a desenvolver as súas ideas. Nos 12 anos de historia do programa leváronse a cabo máis de 1500 proxectos.

Imaxes relacionadas