O centro de Aixola inicia o curso con 40 prazas en tres novas accións formativas para o sector pesqueiro

As clases son gratuítas e a inscrición está aberta para as últimas vacantes a través da páxina web da escola

Marín (Pontevedra), 6 de setembro de 2022

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, inicia un novo curso con tres novas accións formativas e preto de corenta novos alumnos. Estas accións, que se imparten na súa sede do porto de Marín, desenvolveranse ata finais de ano e supoñen máis de 800 horas de formación de carácter gratuíto.

Destas formacións poderán beneficiarse tanto operarios do sector pesqueiro como pescadores e profesionais do marisqueo, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición para as últimas vacantes pode facerse a través da páxina web, onde tamén é posible anotarse á lista de agarda.

O novo programa formativo da Aixola inclúe un curso de operacións auxiliares de mantemento de elementos estruturais e de recubrimento de superficies de embarcacións deportivas e de recreo. Este curso, co obxectivo de obter o certificado de profesionalidade, ten unha duración de 280 horas e as clases -incluídas as prácticas- desenvólvense polas tardes, de 16,00 a 21,00 horas, ata o 25 de novembro.

A oferta complétase cun curso de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca -que igualmente permite a obtención do certificado de profesionalidade despois de superar 330 horas polas mañás ata o 21 de decembro- e outro curso de electricidade e hidráulica básica, de 275 horas de formación en horario de mañá ata o 21 de decembro.

O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación participando nos módulos de busca de emprego e de autoemprego con titorías personalizadas sobre creación de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego. Para cada un destes dous módulos prevense 15 prazas.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é o ensino baseado no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.