A Xunta formou no que vai de ano máis de 1.600 persoas en igualdade laboral e oferta novos cursos sobre teitos de cristal, corresponsabilidade e acoso sexual

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade formou no que vai de ano máis de 1.600 persoas en materia de igualdade laboral, a través dos cursos e webinarios que oferta a través do campus virtual estreado o pasado 2021.

Un total de 487 persoas recibiron, no que vai de ano, os seus certificados de aproveitamento tras participar en cursos de 10 horas de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo e de coñecementos básicos en igualdade laboral (6 horas).

En 2022 a Xunta tamén ofertou 6 webinarios, nos que tomaron parte 1.184 persoas, sobre o principio de igualdade, a igualdade de oportunidades e a prohibición da discriminación, ou a aplicación da perspectiva de xénero na realización do informe de diagnóstico (no marco da elaboración dos plans de igualdade), nos procesos de selección, na clasificación profesional e na formación laboral.

A todas estas actividades cómpre engadir as xornadas que con asiduidade promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través das entidades empresariais e sectoriais. Este ano celebráronse 6 en colaboración coa Asociación de Empresarios de Ferrolterra, a Asociación de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), a Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de (Asime), a asociación de xóvenes empresarios (AJE), a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), a Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia). Un total de 200 empresas participaron nestas iniciativas.

Novo curso

Para o que resta de ano, a Xunta ten programados tres novos cursos de igualdade laboral, que suman unha oferta de 550 prazas, e catro obradoiros temáticos sobre a promoción profesional e o teito de cristal; o exercicio corresponsable dos dereitos á vida persoal, familiar e laboral; a infrarrepresentación feminina, o concepto de sector masculinizado e feminizado; e as condicións de traballo e a súa influencia nas desigualdades de xénero na empresa.

Nas próximas datas publicarase a nova programación e os formularios de inscrición para as persoas interesadas a través da dirección web do campus virtual de igualdade laboral https://igualdade-laboral.gal/

Desde que esta plataforma iniciara a súa andaina en 2021, máis de 2.700 persoas asistiron as diferentes accións formativas coas que a Xunta quere avanzar cara a un mercado laboral máis equitativo e referente en materia de respecto á diversidade e á igualdade de oportunidades.

Imaxes relacionadas