A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os mozos que forman parte desta iniciativa, integrada na maior campaña de verán da historia do Goberno galego

A Xunta impulsa a través dun campo de voluntariado o coidado a creación dun sendeiro cultural na Cántara da Moura

Os mozos participantes, de entre 18 e 30 anos, realizan un bosque pintado baixo a técnica de ‘land Art’

A Veiga (Ourense), 5 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia impulsa a través dun campo voluntariado a creación dun sendeiro cultural na Cántara da Moura, emprazado no concello da Veiga. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos mozos participantes, que desde o día 28 realizan tarefas de conservación neste espazo natural.

 

Cristina Pichel recordou que este ano o Goberno galego puxo en marcha 45 campos de voluntariado para fomentar o coidado do patrimonio natural e cultural de Galicia, co apoio e solidariedade da mocidade. Neste sentido, sinalou que este da Veiga é unha das novidades que se engaden este ano á programación da Xunta de Galicia.

 

Os participantes nesta iniciativa estarán ata o vindeiro día 8 realizando un bosque pintado baixo a técnica de land art. O obxectivo é achegar máis valor a unha contorna con moita riqueza ambiental. Ademais diso, as mozas e mozos desfrutan de actividades de convivencia e outras de lecer como rutas de sendeirismo, un observatorio astronómico ou actividades de multiaventura.

 

Na provincia de Ourense desenvolvéronse nesta edición un total de nove campos de voluntariado. Ademais deste na Veiga, tamén se puxeron en marcha actividades nos concellos de Muíños, Bande, Vilariño de Conso, Monterrei, Pereiro de Aguiar, Celanova, Larouco e Esgos.

 

O verán que queres contar

Esta actividade enmárcase na campaña de verán da Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar preséntase unha oferta total de máis de 10.800 prazas, a maior de toda a historia, que inclúe campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.

Imaxes relacionadas