Fernández-Tapias cifra en 560.000 euros a bonificación da Xunta para os veciños de Cangas e Moaña cos descontos do 50% que aplica desde o 1 de setembro no transporte interurbano e de ría

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe a estación marítima e de autobús de Cangas que dá servizo a uns 800.000 usuarios ao ano


Destacou a redución do 50% no prezo do billete de barco e autobús ata o 31 de decembro, que o Goberno galego asume, polo de agora, con fondos propios, e que se aplica ás viaxes aboadas coas tarxetas de Mobilidade de Galicia e aos bonos multiviaxe comercializados polas concesionarias do transporte


Confirmou que este mes estarán rematadas as obras da estación de autobuses e que os veciños de Cangas disporán dunha área intermodal renovada e modernizada

 

Cangas (Pontevedra), 5 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata a estación marítima e de autobús de Cangas onde destacou a boa acollida que está a ter a medida que o Executivo está a aplicar desde o pasado 1 de setembro e que supón unha redución do 50% do prezo do billete para os usuarios do transporte de ría e tamén sobre a tarifa do autobús interurbano.

Fernández-Tapias sinalou que esta iniciativa, que terá vixencia ata o vindeiro 31 de decembro e que é de aplicación para as viaxes aboadas coas tarxetas de Mobilidade de Galicia e tamén para os bonos multiviaxe comercializados polas concesionarias do transporte, beneficiará aos 25.437 veciños de Cangas e de Moaña que dispoñen de TMG, que xa desfrutan desde a pasada semana das bonificacións activadas pola Xunta e que cifrou, para estes catro meses en que será de aplicación a medida, en 560.000 euros.

Deste modo, a tarifa para os usuarios regulares do transporte de ría e de autobús queda reducida a 0,67 euros por traxecto.

Un importante aforro para os veciños de Cangas e de Moaña e para os usuarios do transporte público galego en xeral que, incidiu a delegada, “polo momento, asume integramente a Xunta de Galicia”, en clara referencia á indefinición do Goberno central. A este respecto, recordou que o Executivo de Sánchez anunciou en xuño fondos para que as autonomías aplicasen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia dos que nada se sabe a día de hoxe. “No momento actual non podemos pedirlles maiores esforzos ás familias, o noso deber é aliviar as súas cargas económicas e, en consecuencia, movemos ficha á espera de que se concreten estes incentivos”, anotou.   

Asemade, a delegada fixo fincapé na Tarxeta Xente Nova coa que 4.782 mozos de Cangas e Moaña viaxan gratis e que de xaneiro a xullo deste ano realizaron 93.139 viaxes financiadas integramente pola Xunta.    

Neste sentido, a representante autonómica valorou a medida como unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa mobilidade e unha aposta importante polo transporte público, con melloras nos servizos e nas infraestruturas.

 

Estación de autobuses

Por outra banda, a delegada territorial confirmou que este mes estarán rematadas as obras da área intermodal das estacións de autobús e marítima de Cangas, que supoñen un investimento autonómico de 400.000 euros e dan servizo a uns 800.000 usuarios ao ano. “A previsión é que estean completamente terminadas a finais de setembro”, dixo.

Neste sentido, admitiu que a obra sufriu un lixeiro atraso derivado folga do transporte de marzo e á dificultade na fabricación e no subministro de paneis para a formación das cubertas exteriores. En todo caso, incidiu en que o importante é que “en poucas semanas esta área intermodal de Cangas estará plenamente ao servizo dos veciños, xa cunha imaxe renovada”.

A mellora da estación de autobuses de Cangas está financiada no marco do Eixe React-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Imaxes relacionadas