Galicia leva os produtos do mar ás principais feiras sectoriais mundiais ata finais de ano para mostrar a súa excelencia e impulsar as exportacións

A Consellería do Mar participa nesta segunda metade do ano en sete certames entre os que se atopa o que se celebra estes días en Alemaña, así como outros que terán lugar en Singapur, Cabo Verde e Francia
 

No primeiro semestre deste 2022 o Executivo autonómico e as empresas galegas interesadas acudiron a seis feiras para afianzar os seus lazos comerciais con importadores de todo o mundo, un fito moi importante despois do parón provocado pola pandemia da covid-19
 

A Xunta, que este ano inviste arredor de 2,6 millóns de euros na participación deste tipo de eventos, participa na Fish International de Bremen cun stand propio de 180 metros cadrados de zona expositiva e que alberga a nove empresas galegas

Bremen (Alemaña), 5 de setembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe na cidade alemá de Bremen ás empresas galegas da cadea mar-industria que participan estes días na Fish International para apoiar ao sector pesqueiro, marisqueiro, acuícola e transformador no seu obxectivo de abrir novas vías de negocio en mercados emerxentes e potenciar a demanda de produto galego, aportándolle máis valor engadido.

 

Así, no seu afán por mellorar a comercialización e distribución dos produtos do mar, a Xunta de Galicia estará presente no que resta de ano nun total de sete certames, entre os que se inclúe esta feira de Bremen, así como a Seafood Expo Asia (en Singapur, do 14 ao 16 de setembro), Expomar Mindelo (Cabo Verde, do 29 ao 30 de setembro) ou a SIAL 2022 (Francia, do 15 ao 19 de outubro). Ademais, a presenza nacional tamén terá especial importancia a través de eventos como o Fórum Gastronómico da Coruña (do 25 ao 27 de setembro), Conxemar en Vigo (do 4 ao 6 de outubro) e Xantar en Ourense (do 9 ao 13 de novembro).

 

Con esta participación, a Consellería do Mar pretende avanzar na internacionalización do sector marítimo-pesqueiro galego así como aumentar os seus ingresos económicos e impulsar a xeración de emprego. Así mesmo, impúlsanse as campañas de promoción dos produtos pesqueiros para potenciar o seu consumo, unha práctica que repercute na mellora da saúde dos cidadáns polas súas achegas nutritivas e o seu baixo aporte calórico.

 

Do mesmo xeito, este tipo de iniciativas supoñen un punto de encontro no caso de clientes consolidados, ao tempo que facilitan a posibilidade de mostrar os avances e tendencias relacionadas co sector, o que deriva na captación de clientes e na asimilación de novas ideas de traballo de cara ao seu futuro.

 

Neste sentido, a Xunta e as empresas galegas participaron noutras seis feiras no que vai de ano para afianzar os seus lazos comerciais con importadores de todo o mundo, un fito moi importante despois do parón provocado pola pandemia da covid-19. Así, a comunidade estivo presente na Seafood Expo North América de Boston; no Aquafuture Spain 2022 (Pontevedra); en Alimentaria 2022 (Barcelona); o Salón Gourmets (Madrid); en Navalia (Vigo); e en Salimat-Abanca (Pontevedra).

 

Coa normalidade expositiva recuperada neste 2022, a Consellería do Mar prevé asistir en todo o ano a un total 13 feiras nacionais e internacionais –tendo en conta a opinión e intereses das propias empresas á hora de seleccionar os destinos–, cun investimento de arredor de 2,6 millóns de euros. A Xunta asiste a estas feiras cun stand propio e ofrece ás firmas galegas participar como coexpositoras ou a través dun centro de negocios para aumentar a súa visibilidade.

 

Fish International

A feira Fish International de Bremen, que se celebra desde onte e ata mañá, ten carácter bienal e constitúe un gran escaparate europeo para os profesionais e empresas do sector que amosan as súas últimas novidades, ao ofrecer catro áreas expositivas –produtos, packaging, tecnoloxías e servizos do produtos ao consumidor– ademais dun completo programa de eventos.

 

A Consellería do Mar está presente neste evento cun posto que conta con 180 metros cadrados de superficie de zona expositiva e que alberga a nove empresas coexpositoras: Conxelados Noribérica, Copemar, Grupo Ibérica de Conxelados, Conxelados Videmar, Marfrio, Frioantartic, Grupo Profand, Pasteurizados Cíes e Fandicosta.

Imaxes relacionadas