O Sergas abre o prazo de elección de destino en 100 prazas das especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Medicina Interna

O Diario Oficial de Galicia publica na xornada de hoxe a relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nestas categorías

Coa resolución anticipada dos procesos de selección e provisión destas especialidades, nas que existe un déficit de profesionais, preténdese acadar unha resposta coordinada ás necesidades asistenciais

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe, a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (53 prazas) e Medicina Interna (47 prazas), iniciando así o prazo para a elección de destino.

O Servizo Galego de Saúde adiantou a execución destes procesos coa finalidade de cubrir o antes posible as 100 prazas vacantes con persoal fixo e reducir a temporalidade neste persoal.